Jorquera a Feijóo: "Non ten proxecto de País e conduce a Galiza á irrelevancia"

Xavier Vence segue a intervención do portavoz do G. parlamentario, Francisco Jorquera

O portavoz do BNG no Parlamento galego diagnostica os problemas reais fronte a Galiza virtual debuxada polo presidente da Xunta. Jorquera propuxo unha batería de medidas para a loita efectiva contra a corrupción

DEBATE DE POLÍTICA XERAL.- O BNG utilizou o debate sobre o estado da nación para describir a situación da Galiza real e desmontar a Galiza virtual debuxada polo presidente da Xunta. 300.000 parad@s, 650.000 persoas en risco de exclusión social, 100.000 moz@s na emigración, duplicouse a taxa de paro feminino, unha de cada dúas persoas non chega a mileurista, e seis de cada dez familias teñen dificultades para chegar a fin de mes.

Pese a este “desastre económico e social”, o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, sentenciou que Feijóo “non ten proxecto de goberno, nin de país”, polo contrario, “dáse o paradoxo de que preside un goberno autonómico, mais non cree no autogoberno” e mantén unha posición de “submisión” a Madrid que “conduce a Galiza a irrelevancia política, económica e social”.

Jorquera enumerou as consecuencias para Galiza: Navantia traslada carga de traballo dos estaleiros de Ferrol para Cádiz, -“e di que se entera pola prensa”-, o país exporta electricidade pero non ten unha tarifa propia para as empresas galegas que si ten Euskadi, acepta que Madrid paralice o desenvolvemento do sector eólico, o sistema de financiamento fixo perder a Galiza 6.561 millóns de euros, -dúas veces o orzamento de sanidade-, e permite o espolio do aforro galego.

“O problema é que no debate estatal non existe unha posición galega pola súa dimisión á hora de exercer os seus deberes como presidente”, sentenciou Jorquera, para quen o que precisa o país é “avanzar no seu autogoberno” e advirte a Feijóo que Galiza “corre o risco de perder o último tren” porque ignora que o estado español “está entrando nunha segunda transición”, mentres Euskadi e Catalunya “terán no futuro amplos espazos de libre decisión”.

Jorquera reiterou que Galiza “precisa decidir por si mesma” e “ter ferramentas para construír un novo modelo social” que permita salvagardar os servizos públicos, potenciar os sectores produtivos, dispor dun sistema de financiamento xusto para o país, e apoiar a xeración de emprego que permita non dar carta de normalidade “a formar a xente nova para emigrar”.

Contra a corrupción

Jorquera tamén abordou a loita contra a corrupción en resposta a petición de acordos lanzada por Feijóo e propuxo medidas concretas: fin das portas xiratorias, da privatización de servizos e das reformas que recortan o Parlamento.

“Quere acordos contra a corrupción? Pois ataquemos as súas causas: acabemos coa política das portas xiratorias, acabemos coa privatización de servizos públicos, caldo de cultivo do tráfico de influencias, fomentemos a participación impulsando as consultas populares, rexeneremos a democracia cunha RTVG ao servizo da sociedade e non da propaganda do Goberno, e renuncie a cambiar a lei electoral sen consenso”, argumentou Jorquera.

O portavoz parlamentario rematou o seu discurso parabenizando ás mulleres que “coa súa loita” fixeron “recuar” ao PP na súa contrarreforma do aborto, ratificou o compromiso do BNG cos emigrantes retornados perseguidos por Montoro, e solicitando unha posición de país para negociar un novo modelo de financiamento autonómico.

Jorquera concluíu asegurando que o nacionalismo galego “non parará ata que o noso pobo vexa recoñecido os seus dereitos”, desde o convencemento de que Galiza “necesita poder decidir”.