Jorquera esixe a Feijóo o cese de Rocio Mosquera e a dimisión dos imputados na Pokemon

Jorquera formula a pregunta á Feijóo

O nacionalista emprazou ao Presidente a pronunciarse sobre os casos de corrupción porque de non facelo, será “cómplice e encubridor”

 Pleno- Na quenda de preguntas ao Presidente, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera lembrou as palabras de Núñez Feijóo no Debate de Investidura e o seu compromiso de regular “con transparencia” todos os procedementos de contratación, selección de persoal e concesión de subvencións públicas.

Ante o gran número de casos de corrupción e nepotismo, o nacionalista esixiu ao Presidente da Xunta o cese inmediato da conselleira de Sanidade tras confirmar o TSXG, en sentenza, o “desvío de poder” na concesión da praza ao seu marido no CHUS e pediu a dimisión de todos os cargos imputados na Operación Pokemon, porque de non ser así, “vostede, dixo, ficará retratado como cómplice e encubridor”.

O parlamentario tamén preguntou que medidas vai tomar o titular da Xunta para enfrontarse ao enchufismo cando o propio Feijóo xustifica o nomeamento do actual marido da conselleira de Sanidade, circunscribindo a concesión da praza a unha cuestión interna do CHUS.

Feijóo non se pronuncia sobre os imputados do PP na Operación Pokemon

Por outra parte, tamén se referiu aos casos de corrupción que salpican a numerosos concelleiros do Partido popular , “cargos públicos que teñen o descaro de xustificar conversas con Vendex para enchufar aos seus amigos”.

Non esixir o cese do concelleiro de deportes de Santiago por pedirlle a Vendex que despedise a unha traballadora que cometeu a grave delito de estar casada cun sindicalista da CIG, cómo se explica? preguntou Jorquera a Feijóo.

O nacionalista comparou esta situación co comportamento do propio Presidente da Xunta cando era Secretario xeral do SERGAS cando vetou a un sindicato na negociación colectiva e deu instrucións á policía para impedir o seu acceso á reunión como figura “nunha sentenza do Tribunal Constitucional que recoñece “a vulneración” do dereito á liberdade sindical.

Jorquera criticou que Feijóo pida desculpas á cidadanía polas revelacións da Trama Pokemon e “non esixa a dimisión dos implicados”, vostede, afirmou o parlamentario do BNG, “toma por parvos a todos os galegos e galegas” pero a cidadanía xa coñece a preferencia do Partido popular por dar “emprego a familiares e amigos” e esa política de promocionar aos seus.

O portavoz do grupo parlamentario concluíu denunciando as consecuencias das privatizacións, tráfico de influencias e enriquecemento ilícito e acusando a Feijóo de “non exercer de Presidente da Xunta nin de presidente do Partido popular de Galiza”.