Jorquera empraza a Feijóo a disolver a corporación de Santiago e convocar eleccións

Jorquera na tribuna

Para Francisco Jorquera, o Presidente da Xunta será “cómplice e encubridor” da situación xudicial do concello de Santiago se non toma medidas urxentes

Na quenda de preguntas ao Presidente da Xunta, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou qué máis ten que pasar no Concello de Santiago para que Feijóo reaccione e tome medidas contra unha situación “límite” e de despretixio.

O nacionalista lembrou que no último pleno, Feijóo comprometeuse como presidente do Partido popular en Galiza, a “tomar medidas cautelares ou dimitir” a un cargo onde goberne o PP, antes de que se abra xuízo e resulte acusado.

Feijóo elude responsabilidades nas imputacións de cargos do PP

Sr. Feijóo, dixo o deputado do BNG, vostede agora mira para outro lado ante a apertura de xuízo oral contra sete concelleiros de Santiago por prevaricación e a petición da Fiscal de nove anos de inhabilitación.

Jorquera criticou que o Presidente do Executivo restara relevancia ás imputacións xustificando que todo é “froito dun trámite administrativo” produto de informes preceptivos.

Neste sentido, explicou que o informe referido aos gastos do avogado do concelleiro do Partido popular , Adrián Varela poderían ser abonados polo concello se a imputación fora derivada dunha actuación no cumprimento do seu cargo. Inclúense nesas actuacións, o suborno, falsidade documental e a prevaricación?, porque estes son os delitos da imputación do Sr. Varela, remarcou Jorquera.

Dos trece concelleiros do partido popular 10 están imputados, tres dimitiron, Conde Roa acumula tres imputacións, o seu substituto dúas colocando ao concello nunha situación límite mentres vostede no fai nada, “vostede non ten palabra nin principios” e se non reacciona será “culpábel e encubridor” despois de comprometerse no Parlamento a cesar aos cargos imputados antes da apertura de xuízo oral.

Sr. Feijóo, vostede, coma sempre elude exercer as súas responsabilidades e da as costas a “alarma e indignación social”. O concello está paralizado, ninguén se atreve a tomar decisións e a lexitimidade nacida nas urnas “está en quebra polas continuas imputacións”.

A Xunta, explicou, ten lexitimidade para iniciar os trámites para disolver a corporación, “inicie o proceso e solicite a disolución e convocatoria de novas eleccións”, concluíu.