Jorquera describe un Feijóo "hipócrita" e sen credibilidade porque representa o pasado

 O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera cualificou de “discurso hipócrita” e autocompracente a intervención de Núñez Feijóo no Debate de política xeral que hoxe comeza no Parlamento galego  e afirmou que  xa  "representa o pasado”.

Jorquera afirmou que Feijóo para salvarse quere facernos crer, a través das súas promesas e anuncios, que “nun ano vai facer o que non fixo en sete” pero ten un grave problema, “non ten credibilidade nin pode falar xa dos retos da Galiza do futuro porque el encarna as políticas do pasado”.

Unha intervención, dixo, cargada de “arrogancia” e autocompracencia e “incapaz” de admitir un só erro ou asumir unha soa autocrítica e máis que un balance de goberno foi “unha publireportaxe” que para desgraza da nosa sociedade calquera parecido coa realidade foi mera coincidencia.

O parlamentario do BNG engadiu que o discurso de Feijóo foi “hipócrita” por afirmar que o norte do seu goberno é o compromiso social e preservar a coexión social cando en realidade, o seu goberno pasará á historia como o período no que en Galiza incrementáronse de maneira brutal as desigualdades e Feijóo tamén pasará a historia por se “o campión na degradación dos nosos servizos públicos”.

Jorquera reiterou que o discurso do Presidente da Xunta foi “hipócrita” cando defendeu que o seu goberno articulou unha resposta á crise, unha resposta dixo que se traduciu en “a sus ordenes Sr.Rajoy” e foi igual de hipócrita pedindo que non se utilice o idioma galego como instrumento de confrontación política cando el mesmo chegou á presidencia “mentíndolle á sociedade” ao falar dunhas políticas de imposición da lingua galega “inexistentes”.

Foi tamén hipócrita sobre a blindaxe do autogoberno cando as políticas do Partido popular foron as que converteron o Estatuto de Autonomía “nunha casca baleira”.

Nunha cousa ten razón Feijóo, estamos ante un final de ciclo. Efectivamente recalcou Jorquera, estamos ante o final do período máis negro da nosa economía na etapa encarnada por Feijóo. “Galiza necesita abrir un novo tempo político cun goberno a fronte que mobilice as capacidades do noso país e que aposte polas políticas sociais”, concluíu.