Jorquera denuncia que o PP impón unha axenda parlamentaria a medida que ignora os problemas do país

Francisco Jorquera, portavoz parlamentario BNG

Apenas quince minutos de reunión de Xunta de Portavoces para confirmar que o PP impón a axenda parlamentaria incluído unicamente aqueles asuntos que lle interesan e excluíndo do debate os problemas do país.

O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, denunciou que esa selección “unilateral” do PP deixa á Cámara galega “ausente ante os problemas reais do país” a cambio de incluír as prioridades dos populares.

Entre estas, a apurada reforma do regulamento da Cámara, “para que o recorte de dereitos de grupos parlamentarios e deputados estea en vigor no próximo período de sesións”, a renovación do consello da CRTVG, “pactada co PSOE ás costas do Parlamento”, ou “culminar a operación de maquillaxe” da reforma do Consello de Contas, cando aínda está sen resolver a continuidade de Dositeo Rodríguez, imputado por presunta malversación de fondos públicos na Fundación Camilo José Cela.

Por contra, abordar a situación do sector leiteiro, cuxa supervivencia está ameazada e con ela o futuro do medio rural, non merece a atención do PP, que nin sequera levou a xunta de portavoces a solicitude do BNG de convocatoria da Deputación Permanente para a celebración dun pleno extraordinario coa comparecencia de Feijóo sobre este asunto.

“E iso que está en xogo un sector vital para evitar a morte do noso campo”, subliñou Jorquera, quen tamén denunciou que o PP ignorou a petición nacionalista xunto con AGE de debater en pleno a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois, pois en vésperas do segundo aniversario da traxedia “as responsabilidades políticas seguen sen depurarse e as vítimas seguen a demandar esa comisión”.

Tamén fixo referencia as especulacións sobre un adianto electoral en Galiza, dada a “vella táctica de lanzar globos sondas para ir preparando o terreo”. O portavoz parlamentario foi taxativo: “Canto antes, polo BNG que se adianten xa sen esperar ás xerais, porque o goberno Feijóo está esgotado e é unha rémora para o país”, dixo, tras lembrar que Galiza está na cola en termos de crecemento económico e emprego e se amplía a fenda co resto do Estado e a media europea.

En todo caso, para o deputado nacionalista adiantar a cita electoral significaría que Feijóo “recoñece o fracaso do seu goberno, confirmando que é un presidente que non pensa en clave de país senón en termos de cálculo persoal no seu salto á política estatal”.

Jorquera anima ao PP na reforma electoral

En relación á proposta de reforma de lei electoral que o PP volve pór encima da mesa, Jorquera invita ao partido de Feijóo “a non quedarse no terreo do medo e ser máis ambicioso”. “Propoño ao PP que faga unha reforma na que os seus votos valan por cinco e os votos do resto por medio”, ironizou o portavoz parlamentario, “que non se queden en medias tinta”, recomendou.

Para o deputado do Bloque, a pretensión do PP é “truncar” as regras de xogo democrático para ganar por esa vía o que sabe ten perdido na rúa, como se demostrou nos recentes comicios municipais e autonómicos.