Jorquera debaterá o día 9 con Pachi Vázquez e o 10, con Feijóo

De "boa noticia para Galiza" cualificou este venres a directora de campaña do BNG, Montse Prado, o acordo acadado polas tres forzas políticas galegas con representación parlamentar para a celebración de debates nos meios de titularidade pública entre os candidatos á presidencia da Xunta de Galiza.

O BNG traballou arreo ao longo destes últimos anos, enfatizou Montse Prado, para que os debates se fixesen realidade nos meios de titularidade pública galega. "Fomos pioneiros na defensa dos debates como elementos fundamentais para que as cidadáns e os cidadáns podan coñecer de primeira man as alternativas que formulan os distintos candidatos", di Prado.

"Imos ir alén diso e imos propor unha reforma da lei eleitoral galega para que os debates sexan a norma e non a excepción, para que nunca máis ningunha forza política se poda arrogar o dereito de os vetar", afirmou Montse Prado nun encontro con xornalistas nas instalacións da TVG logo de ter acadado o acordo cos representantes do PP e do PSOE.

En prime time

De acordo coa programación estabelecida, o candidato do Bloque Nacionalista Galego debaterá o martes día 9 de Outubro con Pachi Vázquez, candidato do PSOE. O mércores 10 será a quenda do debate Jorquera-Feijóo.

Os debates emitiranse en horario de máxima audiencia, apartir das 21.30 horas, serán retransmitidos simultaneamente pola Radio Galega e terán unha duración de 66 minutos.

Constarán de tres blocos temáticos: Economía e Emprego; Benestar e Servizos Públicos; e Autogoberno.