Jorquera dá o debate da BPG no Congreso

A Banca Pública Galega (BPG) xa está a debate na axenda política do Estado e grazas á iniciativa do Bloque Nacionalista Galego. Jorquera foi o encarregado de suscitar o asunto nun debate parlamentario, esta mesma tarde no Pleno do Congreso. O portavoz do BNG e candidato á presidencia da Xunta defendeu as modificacións lexislativas precisas para a Xunta de Galiza se tornar en accionista maioritaria de Novagaliciabanco, co que NGB se constituiría nun banco público galego.

A iniciativa de Jorquera foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular, mais obtivo os apoios de Amaiur, ERC, Izquierda Plural, PNV e CiU. PSOE e UPyD abstivéronse.

Os únicos deputados galegos que votaron a favor dunha proposta que garantiría o mantimento do sistema financeiro galego foron a deputada e o deputado do BNG. ningún dos parlamentares galegos de PP e PSOE apoiaron a iniciativa.

A BPG é o mellor antídoto contra a centralización do sistema financeiro en Madrid

Na súa intervención no Pleno, o portavoz do BNG no Congreso considerou necesario “apostar por unha Banca Pública con vocación de permanencia”. “Unha Banca Pública con vinculación territorial para evitar os desequilibrios que provocará a centralización do sistema financeiro”.

Lembrou que co decreto que instituíu o FROB se iniciaba unha reordenación que valeirou as competencias autonómica. “Para Galiza a perda das súas institucións financeiras significaría dar un golpe de graza á súa economía, significaría perder o control de activos por valor de máis de 75.000 millóns, dun patrimonio neto de 1.715 millóns, do destino do aforro de case 3 millóns de clientes e se ameaza a obra social”.

“A Banca Pública é unha realidade en Europa, existe en 32 países”

Jorquera puxo de manifesto que ter entidades financeiras propias é necesario para “evitar o espolio do noso aforro, para asegurar que o aforro dos galegos se invista no territorio galego e se contribúa para o desenvolvemento do país”. En definitiva, dixo, ter un Banco Público Galego significa máis posibilidades de financiamento para as PEMES, autónomo e tecido produtivo.

Señores do PP, non se opoñan á única vía que ten Galiza para preservar o seu aforro

Criticou a Feijoó por tildar a proposta do BNG de “antigualla” e lembroulle que a Banca Pública “é unha realidade en Europa”. Así, salientou que o 21,7% dos activos do sistema financeiro europeo están en máns de bancos cunha participación pública superior ao 20%. “Hai entidades financeiras públicas en 32 países de Europa”. Explicou que na Alemaña de Merkel o S-Group está formado por 400 Caixas de carácter público, os coñecidos como bancos dos lánders, que son líderes na captación de depósito e concesión de créditos.

Jorquera enfatizou que “onde hai Banca Pública se constata o seu impacto positivo sobre a economía e os sectores produtivos, e hai unha industria forte”.

Dirixiuse ás bancadas do PP para dicerlles que “non sexan máis papistas que o Papa, non pechen a porta a un instrumento necesario para atacar as verdadeiras causas da crise no sector financeiro. Señores do PP galego, non se opoñan á única vía real que ten Galiza para preservar as súas entidades de aforro”.

Tapar o burato de Bankia

Jorquera fixo especial alusión á situación de BANKIA. “Simplesmente tapar o burato de Bankia custará 23.500 millóns de euros, 4 billóns das antigas pesetas, o que equivale ao 2,3% do PIB español, ou a 500 euros por habitante ou 1.500 por fogar”. E todo, enfatizou, sen que se diriman responsabilidades políticas nen legais.

E sen que o presidente do Goberno español se digne a comparecer ante esta Cámara para explicar a situación despois das continuas contradicións. Jorquera lembrou que desde o inicio da crise os Gobernos aprobaron até 6 Decretos sobre o sector financeiro. E puxo de relevo que en todo este periodo o Estado español inxectou máis de 118.000 millóns á banca privada.

O Estado inxectou xa máis de 118.000 millóns de euros na banca privada

“Mentres, que obtiveron a cambio os cidadáns? Absolutamente nada porque os cartos foron a pagar débedas e a especular con bonos do Tesouro”, sinalou Jorquera. O deputado do BNG criticou que non se teña atacado ningunha das causas da crise do sector: non hai tutela pública, impulsouse unha excesiva concentración que fixo que os problemas dalgunhas entidades contaminasen toda a economía. Afirmou que os problemas das Caixas teñen a súa orixe na homologación do seu modelo cos dos bancos privados “cunha instrumentalización partidista e actuacións irresponsábeis de directivos”.

O parlamentar do BNG sinalou que o que se presenta como nacionalizacións “non é máis que o uso do Estado como enfermería do sector privado para sanealo con recursos públicos e logo vendelos outra vez”. Trátase de “socializar perdas e privatizar beneficios”, o que leva á instauración dun oligopolio financeiro.

Jorquera demandou un cambio e defendeu que “primeiro se deben depurar responsabilidades e crear unha Comisión de Investigación”. A aportación de recursos públicos debe garantir que se dea crédito. Os bancos que sexan intervidos, dixo, deben ser transformados en bancos públicos con vocación de permanencia.

http://www.youtube.com/watch?v=cYaB5TE_PLU