Jorquera compromete o apoio do BNG para asegurar a continuidade de Alcoa na Mariña
San Cibrao.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometeu o apoio do BNG para asegurar a continuidade da fábrica de Alcoa na Mariña.
Jorquera, acompañado do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, mantivo esta mañá unha reunión con representantes dos traballadores da empresa principal e das auxiliares para analizar a situación da factoría.
Tarifa eléctrica e gaseoducto
En concreto, Francisco Jorquera lembrou que Alcoa está afectada negativamente polas modificacións no réxime da tarifa eléctrica que se aprobaron no Estado, e a fin de ano vence o actual contrato co subministrador eléctrico.
Neste sentido, anunciou que o BNG considera imprescindíbel que se asegure que os grandes consumidores eléctricos como ALCOA sigan tendo unha tarifa preferente que non lles represente máis custos, porque simplemente a electricidade representa o 40% dos custos de produción de ALCOA e unha tarifa eléctrica competitiva é imprescindíbel para o mantemento da actividade na factoría.
Reclama do Goberno Central unha tarifa eléctrica a prezos competitivos e do Goberno da Xunta que cumpra o seu compromiso co gasoducto até a factoría
Outro dos asuntos que se analizou na reunión foi o do subministro de gas, imprescindíbel para substituír ao fuel-oil que alimenta as caldeiras de ALCOA, polo gas, máis barato e menos contaminante. Neste sentido, Francisco Jorquera amosou a preocupación do BNG porque o gaseoducto para fornecer o gas a ALCOA non avanza, malia que o goberno do PP na Xunta comprometeuse hai un ao que no prazo dun ano estarían avanzadas as obras, pero estas nin sequera se iniciaron.
Evitar a deslocalización de ALCOA da Mariña
O candidato do BNG á presidencia da Xunta advertiu de que estes dous problemas prodúcense nun contexto no que ALCOA está intentando deslocalizar a súa actividade. Así, lembrou que as factorías da Coruña e Avilés sufriron un recorte na produción do 50%, hai sendos ERE´s que afectan aproximadamente ao 50% do cadro de persoal, mentres ALCOA está facendo un forte investimento noutros países, como Arabia Saudita, onde vai contruir una factoría que terá o triple de capacidade de produción que a de San Cibrao.
Por iso, Francisco Jorquera subliñou que o BNG considera imprescindíbel que se adopten todas as medidas necesarias para evitar a deslocalización de ALCOA, e para que siga producindo ao 100% da súa actividade na Mariña, pois é fundamental para a economía da comarca.
Iniciativas do BNG no Congreso dos Deputados
Ante esta situación, Jorquera lembrou que no Parlamento de Galiza houbo acordos unánimes para apoiar a continuidade da actividade de ALCOA na Mariña, pero non se fixo nada a nivel de Estado.
Polo tanto -anunciou-, como portavoz do BNG no Congreso comprométome a trasladar estas demandas ao ámbito do Estado para que sexan tidas en conta polo Goberno, especialmente no relativo a prezos da electricidade.
O candidato do BNG á presidencia da Xunta concluíu que igual que hai políticas que discriminan positivamente na tarifa eléctrica a rexións como as illas Canarias, tamén se debe contemplar que en Galiza, e en especial na Mariña, hai grandes industrias como ALCOA para as que dispor de enerxía a prezo competitivo é fundamental para que podan manter a súa actividade no noso país.