Jorquera: "A Banca Pública Galega é a única vía para o noso aforro non sexa expoliado"

O BNG realizou esta tarde un novo acto dentro da súa campaña en defensa dunha Banca Pública Galega, desta volta unha conferencia, con coloquio posterior, no Clube Financeiro de Vigo, a cargo de Francisco Jorquera, candidato nacionalista á presidencia da Xunta, e Xavier Vence, membro do Consello Nacional da formación frentista e catedrático de Economía Aplicada da USC.

Jorquera empregou a palestra para argumentar que a Banca Pública Galega é a día de hoxe “a única fórmula da que dispomos para garantir a galeguidade do aforro galego”.

Ao seu xuízo, manter o centro de decisión en Galiza é absolutamente “básico”. E razonouno así: “Calquer pequeno ou mediano empresario sabe que non é o mesmo negociar un crédito aquí en Galiza que ilo facer a Madrid, ou xa non digamos Londres ou Berlín”.

Para o líder nacionalista, tal e como está a situación neste momento, só hai dúas opcións: ou Novagaliciabanco acaba sendo absorbida pola Bankia fraudulentamente nacionalizada ou Novagaliciabanco se transforma nunha banca pública galega. “Digo fraudulentamente nacionalizada porque todo o mundo sabe que se trata dunha nacionalización trampolín para a súa total privatización. Unha privatización ruinosa para as cidadáns e os cidadáns: porque as perdas de Bankia as pagaremos todos cos nosos impostos. O que se privatiarán serán os beneficios”, analisou Jorquera.

A quen interesa a Banca Pública Galega?

O candidato do BNG perguntouse a quen lle interesa a Banca Pública Galega. “Interesa á inmensa maioría da sociedade”, respostouse. “Interésalle aos traballadores e ás traballadoras, porque contribuirá a restaurar o crédito e impulsará a actividade económica, o que resultará na criación de postos de traballo”, dixo. Do mesmo xeito interésalle “aos pequenos e medianos empresarios, afogados por unha banca privada que non ve negocio na economía produtiva e que destina toda a súa liquidez aos circuitos especulativos”, engadiu. Jorquera exemplificou este argumento coa situación do sector naval privado de Vigo. “En Vigo os esteleiros precisan de financiamento. A Banca Pública Galega constituiría para eles un extraordinario alivio”.

Por último, a BPG tamén lle interesaría ás e aos pequenos aforradoras e aforradores. “Sería unha banca ética, faría imposíbel un corralito como o das preferentes”, aduciu.

Galiza non pode baixar a Segunda División. Catalunya e Euskadi mantéñense en Primeira

Alegou ainda Jorquera que a BPG é a única garantía de que Galiza non baixe á Segunda División do sistema financeiro estatal.

“Catalunya e Euskadi mantéñense en Primeira, con Caixabank e a Kutxabank. Se NGB é absorbida por Bankia, ou se caíse en mans de fundos de investimento norteamericanos, Galiza deixaría de existir no mapa financeiro”, alertou Jorquera, para quen o responsábel deste desastre sería Feijóo. “Non podemos esquecernos de que cando Feijóo chegou ao poder en 2009 Galiza contaba con dúas caixas de aforro e un banco privado. Hoxe non ten nin caixas nin banco”.