Jorquera: "Ausentámonos do Pleno en sinal de protesta por este xeito de gobernar"

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, dixo a Montoro no Pleno que “estamos ante o maior atentado contra os dereitos das maiorías. As medidas que van aprobar son extremadamente inxustas e agravarán a crise”.

Jorquera enfatizou que a suba do IVE ou a suspensión da paga extra dos funcionarios que desde Aznar perderon o 26% do seu poder adquisitivo, provocarán unha caída do consumo e máis crise”. Censurou o aumento do IVE porque con “5,6 millóns de parados, con millóns de persoas que miran con envexa aos mileuristas, vostés equiparan o IVE ao dos países con salarios máis altos”.

Mais “non moven un dedo para combater a fraude fiscal, unha fraude que por se mesma representa unha merma de ingresos superior ao recorte”. Jorquera reprochou a Montoro que reduzan o poder adquisitivo dos pensionistas e empregados públicos, que recorten as prestacións de desemprego e decreten o fin da dependencia, rebaixando ao tempo as cotizacións sociais. "Esa é a maneira que teñen vostés de entender a equidade social”, espetou.

“Fan o contrario do que prometeron, perderon a credibilidade”

Jorquera acusou ao PP de practicar un duplo discurso que “xa ninguén se cre. É falso que non teñan máis remedio, é falso que carezan de marxe de elección”. Criticou ao Goberno por “utilizar a crise para impór un modelo que acentuará o reparto inxusto da riqueza. En sete meses dilapidaron a confianza dada polos cidadáns, perderon toda credibilidade e fan gala dunha insensibilidade clamorosa”.

Reprochou ao PP “os aplausos a Rajoy cando anunciaba recortes brutais”. Imaxes, dixo, que “nos retraen a tempos pasados cando a mesma bancada aplausaba a participación española nunha guerra”. Lembrou que “o PP está a facer o contrario do que prometeron e están a incorrer nunha auténtica fraude eleitoral porque ningunha destas medidas estaban no seu programa”. Emprazou ao Goberno a consultar á sociedade, a celebrar un Referendo ou disolver o Parlamento e convocar eleccións. “Teñan a valentía de devolver a democracia aos seus lexítimos donos”.

Jorquera rematou dicindo que o “BNG non vai participar dunha votación que é un paripé porque son medidas a consultar á cidadanía. Ausentarémonos do Pleno en sinal de protesta”.