Jorquera atribúe a Feijóo o "mérito" de ser o presidente que máis dano causou ao galego

O BNG tira de datos para evidenciar o fracaso da política lingüística da Xunta que se traduce nunha perda de 300.000 falantes, no feito de que o 75% dos menores de 15 anos non falan nunca ou case nunca o galego, e apela ás miles de persoas que veñen de reclamar na rúa a defensa do idioma propio na manifestación convocada por Queremos Galego!

“Ese é o resultado de políticas que tratan ao galego como un idioma estranxeiro no seu propio país e negan o dereito a vivir con normalidade na lingua propia”, argumentou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, na súa interpelación ao presidente da Xunta, a quen atribúe levar o idioma do país “a unha situación límite”.

“Señor Feijóo, renuncie a servir á doma e castración de Galiza, non condene a morte ao galego”, recriminou, ao tempo que o instaba “a exercer” como responsable do Goberno deste país, en lugar de buscarse un lugar na historia “como o presidente que máis dano fixo a nosa maior obra colectiva”.

Para o BNG a clave para garantir o futuro do galego está en lograr a “igualdade” e mudar a situación normativa que o coloca por debaixo do castelán por obra do decreto do plurilingüismo e do incumprimento do Plan de Normalización Lingüística.

“500 disposicións legais protexen ao castelán e as poucas que protexían ao galego, vostede anulounas. Cumpra o Plan de Normalización Lingüística e derogue o decreto do plurilingüismo”, reclamou Jorquera, que ten provocado que o ensino en galego non chegue ao 20% e o ensino en infantil nas cidades non chega ao 40%. “Niso consiste o plurilingüismo, en impoñer o monolingüismo de feito”.

“Hai que acabar coa desigualdade que padece o galego”, concluíu o portavoz parlamentario, tras denunciar o “disparate” de subvencionar con recursos públicos “a educación na ignorancia, como se vai facer coas catro familias que solicitaron educación privada en castelán en aplicación da LOMCE, das que ademais se serviu para inventar a suposta imposición do galego”.