Jorquera alerta das consecuencias do problema demográfico en Galiza

O deputado pregunta ao Presidente da Xunta cómo vai resolver a “sangría da poboación galega” tras cinco anos de Goberno aplicando políticas que non reducen o paro nin a emigración xuvenil

Na quenda de preguntas ao Presidente, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera botou man dos recentes resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) para rebater os argumentos de Núñez Feijóo sobre a taxa de paro, emigración xuvenil e redución da poboación.

No derradeiro pleno antes do 17 de maio, “Día das letras Galegas”, o deputado do BNG lembrou a cita de Castelao, “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma” e pediu que Goberno do Partido popular abandone as políticas lingüicidas e potencie o idioma galego en todos os planos da vida pública porque se o galego esmorece, esmorece Galiza, afirmou.

A sangría poboacional conduce á morte a Galiza

Jorquera tamén se referiu ás afirmacións dun profesor de socioloxía da Universidade da Coruña que nunhas xornadas sobre demografía dixo: “se non lle poñemos remedio a esta sangría poboacional, significará a morte a medio prazo e Galiza como ente colectivo e a súa extinción como sociedade”.

Para o parlamentario, nos últimos cinco anos este problema acentuouse ao minguar a poboación moza en máis de 132.000 persoas, só no ano 2013, dixo, “30.000 mozos e mozas abandonaron Galiza”.

Neste sentido, avanzou que o propio INE estima que Galiza perderá 147.000 habitantes nos vindeiros dez anos polo que se preguntou qué pensa facer o Presidente da Xunta para frear a situación? se nos ten acostumad@s nas súas comparecencias públicas a negar o problema da emigración xuvenil, os índices de pobreza e presumir de que Galiza superou a crise mellor que ninguén.

Presidente, practicase pouco sexo en Galiza?

Jorquera reiterou a pregunta ao Presidente sobre as verdadeiras causas do problema demográfico, será dixo, que os galegos e as galegas non nos gusta practicar sexo ou será que nos excedemos no uso de métodos anticonceptivos? Cáles son as causas, Señor Feijóo?.

Na quenda de réplica, o nacionalista insistiu que en Galiza hai 165.000 ocupados menos que en 2009, comunidade onde máis medrou o paro no último ano, 90.000 galegos e galegos traballan a media xornada, 38.000 máis que hai cinco anos, só o 33% dos mozos está ocupado, o resto no paro ou inactivos, os orzamentos en Igualdade reducidos nun 30% e se o Goberno non muda de rumbo, “as súas políticas conducirán a que Galiza esmoreza”, concluíu.