Jorquera alega que "Feijóo condena a mocidade galega á emigración"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, subliñou hoxe que “a mocidade é o maior activo de Galiza, é tamén un sector estratéxico para o noso país” e denunciou que as políticas do Goberno de Feijoo “condénana á emigración e á precariedade como única saída”.

Jorquera interveu esta mañá en Santiago de Compostela nun debate con mozos e mozas de Galiza Nova para analizar a situación da mocidade en Galiza e as alternativas do BNG para mellorar a súa situación.

Neste sentido, o candidato nacionalista subliñou que “a mocidade é o noso futuro e negarlle o futuro dé tanto como negar a Galiza”. A este respeito, denunciou que “é un dos grupos sociais que máis está a padecer a crise, en boa medida polas medidas dos gobernos do PP”.

Por iso, Francisco Jorquera animou á mocidade galega a que “vos rebeledes para que non vos rouben o futuro, cunha rebeldía activa e propositiva que sirva para mellorar o actual estado de cousas, porque a situación que vos agarda é un futuro moito peor que o dos vosos país”.

Do mesmo xeito, rexeitou que “se vos pretende presentar como unha saída boa e natural a emigración, negándovos o dereito humano elemental de vivir e traballar na vosa terra”.

Con Feijoo o desemprego xuvenil en Galiza medrou 13 puntos

O candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou aos defensores da emigración xuvenil “porque é non só un drama en si mesmo, senón que é unha sangría que para un país avellentado como Galiza supón poñer en perigo a súa sustentabilidade social, a súa supervivencia, e fai que saqne proveito fora dos recursos públicos que investimos en formar á nosa xuventude”.

Neste sentido, Jorquera lembrou que “dende que chegou Feijoo á presidencia da Xunta o paro xuvenil en Galiza incrementouse en 13 puntos, situándose no 42% das persoas de menos de 25 anos, e a inmensa maioría dos mozos e mozas que teñen emprego é precario e de baixa calidade”.

O Goberno de Feijoo é un problema para a mocidade galega

Unha situación que se viu agravada polas políticas que puxeron en marcha os gobernos da Xunta e Central dende o inicio da crise económica, como o atraso da idade de xubilación, que dificulta o acceso da mocidade ao primeiro emprego, ou as contrarreformas laborais que fixeron retroceder en dereitos, pretendendo converter a mocidade nunha forza laboral precaria e mal remunerada que substitúa aos traballadores de máis idade”.

“E se falamos da Xunta -subliñou-, que ten transferidas políticas activas de emprego, Feijoo non puxo en marcha practicamente ningunha medida para fomentar o emprego da mocidade”.

Do mesmo xeito, Jorquera criticou que os recortes dos gobernos do PP no ensino público e na I+D+i. Como exemplo puxo que hoxe a USC ten 358 investigadores menos que cando Feijoo chegou á Xunta de Galiza.

Prioridades do BNG para saír da crise

Fronte a esta situación, o candidato do BNG contrapuxo “as políticas de axuste do PP que nos levan a máis crise, ás medidas que defende o BNG como son o aumento do investimento público para reactivar a economía; incrementar o gasto social en sanidade ensino e servizos sociais para reducir o impacto da exclusión social e crear emprego”.

Ademais, defendeu “un novo sistema de financiamento económica que remate coa discriminación que sofre Galiza e aposta por un modelo de plena autonomía fiscal e financeira de Galiza”.

Igualmente, Jorquera apostou por unha reforma fiscal “que permita incrementar a recadación de recursos públicos mediante a loita contra a fraude fiscal e un reparto da carga impositiva máis xusto e equitativo que faga pagar máis a quen máis ten”.

As receitas do FMI son as mesmas que levaron á miseria a América Latina durante os anos 90

Por outra parte, o candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou as receitas do FMI ao estado español “porque son as mesmas que condenaron á miseria a América latina nos anos 90 e que cando se emancipou desas foi cando saíu da crise”.

A falta de soberanía e de democracia leva a que o FMI dite ao Estado español as mesmas receitas que condenaron á miseria a América Latina durante os anos 90

Jorquera denunciou que as receitas do FMI “demostran a onde conduce a ausencia de soberanía, a que se diten as políticas económicas dende ámbitos que non emanan do ámbito democrático dos pobos, con receitas que son lesivas para intereses e necesidades da maioría”.

Iria Aboi: “O Goberno da Xunta é un problema para a mocidade galega”

Pola súa parte, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, denunciou durante a súa intervención que “estes tres anos de goberno de Feijoo a avaliación é que se desatenderon os problemas da mocidade”.

“Ademais da crise, tivemos que soportar un goberno da Xunta máis preocupado por botar balóns fora que por preocuparse polos problemas da mocidade galega”, asegurou.

Iria Aboi afirmou que “foron tres anos perdidos nos que chegamos á cifra récord de desemprego xuvenil, temos menos ensino público, menos investigadores e investigadoras, menos oportunidades para a mocidade, menos axudas ao estudo, menos acceso á vivenda e un recorte de dereitos brutal”.

En canto á Lei de Mocidade, Iria Aboi subliñou que “é puro fume e propaganda para ocultar a ausencia de medidas e propostas durante estes tres anos para a mocidade galega”.

“O goberno da Xunta -concluíu- converteuse nun problema para a mocidade galega, e só cun cambio de rumbo, de políticas da man do BNG se poderán mudar as cousas”.