Jorquera agarda que a proposta de Pilar Rojo serva para restituír o acceso de público ao Parlamento

Trala xuntanza coa Presidenta da Cámara, o portavoz do G.p do BNG, Francisco Jorquera reclamou restituír o acceso da cidadanía ao Parlamento e canalizar os convites a través dos grupos parlamentares

.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera explicou que a reunión entre a Presidenta do Parlamento e os portavoces dos grupos do BNG, PSdeG e AGE, celebrada hoxe no Parlamento, consistiu “nun diálogo” a raíz da decisión de Pilar Rojo de restrinxir os convites para asistir aos debates da Cámara galega.

Jorquera afirmou que na reunión non houbo ningún acordo pero si o compromiso de Pilar Rojo de transmitir á Mesa da Parlamento a elaboración “dunha proposta” que será comunicada nunha reunión formal da Xunta de portavoces.

“Nós apreciamos a vontade de dialogo da Presidenta, valoramos certa actitude de rectificación dalgunhas das súas decisións que xa no seu momento consideramos inapropiadas pero o BNG, mantén a súa posición de restablecer o que era a práctica habitual da Cámara para cursar convites”, dixo.

Neste sentido, engadiu que “non é bo” establecer restricións no acceso de público ás sesións plenarias nin practicar unha política que converta ao Parlamento nun clube privado con dereito de admisións polo que pediu canalizar, a través dos grupos parlamentares os convites porque son a “expresión da pluralidade da sociedade” e partir “da boa fe” de que todos os grupos parlamentares da Cámara somos os primeiros en prestixiar o Parlamento galego como máxima institución representativa do noso país e “Cámara de representantes do noso pobo”.