Iniciativa do BNG para que GZ xestione o seu sector da enerxía renovable sen inxerencias de Madrid

A iniciativa do Grupo parlamentario nacionalista, en forma de proposición non de lei, tamén pide ao Executivo de Feijóo que demande de Madrid a competencia exclusiva en materia de enerxías renovables, tanto para planificar o desenvolvemento deste sector, como para decidir a autorización de novas instalacións e, igualmente, para establecer o seu réxime retributivo, que pode ser vía tarifas ou primas.

No texto, asinado por Carme Adán e Francisco Jorquera, o Bloque subliña a importancia do sector enerxético en Galiza, onde representa arredor do 8% do PIB, ademais da incidencia sobre o sector industrial como gran consumidor de enerxía.

Pese a esa relevancia, o BNG advirte da crecente centralización das decisións a través da normativa aprobada polo PP, que ademais supón a liberalización do sector, que ten como máximo expoñente a Lei 24/2013 e o RD 413/2014. “Afondan nunha liña centralizadora que despoxa de competencias a Galiza para influír na política enerxética”, argumenta o Bloque na proposición non de lei.

En concreto, o BNG denuncia que Galiza perde a súa capacidade para influír nas tarifas da enerxía renovable e se penaliza a capacidade de crear tributos propios no eido ambiental o que, ademais, afecta a súa autonomía financeira.

Con todo, “o máis preocupante é que se pecha calquera posibilidade a que Galiza poda ter unha política enerxética propia que saque o maior proveito aos seus recursos”, razón que motiva a iniciativa parlamentar do Bloque para instar ao Executivo galego a corrixir esta invasión de competencias que afecta a un sector estratéxico recorrendo ao Tribunal Constitucional.