Infraestructuras e Medio Ambiente aplica os maiores recortes en políticas de vivenda

Ana Pontón lamenta que malia o drama dos desafiuzamentos e malia a “propaganda” da Xunta o programa Aluga pase de 7,9 a 4,9 millóns de euros e non se recolla ningunha partida para o anunciado Programa de Realoxo

A deputada do G.P. do BNG, Ana Pontón, acusou ao conselleiro de Medio Ambiente, Infraestructuras e Ordenación do Territorio de presentar un orzamento “inmoral” e “cruel” porque, nun momento como o actual, co drama dos desafiuzamentos tan presente, os programas nos que máis reducen son os programas de vivenda.

Ana Pontón cualificou de sarcasmo que o conselleiro falase de especial sensibilidade cando, só en comparación co pasado ano, os programas de acceso á vivenda baixan un 52,5 por cento e o Plan Aluga sofre unha reducción de fondos de 7,9 millóns de euros a 4,9.

A parlamentar foi máis alá e lembrou que estes recortes son a tónica da consellería ao longo do tempo, pois dende o 2009, porcentualmente, os programas de Vivenda foron os que máis diminuiron do conxunto de programas da Xunta, máis dun 76 por cento.

“Vaia aos dados e compróbeo –inqueriu Pontón- porque é absolutamente certo e supón converter en papel mollado dereitos fundamentais como é o dereito a unha vivenda digna, que nestes momentos está levando a situacións desesperadas, situacións límite nas que mesmo hai xente que se está quitando a vida”.

Propaganda

Para Pontón, neste contexto é unha frivolidade que alén de relegar os programas de vivenda, a Consellería actúe propagandisticamente e faga anuncios que nada teñen a ver coa realidade, como o programa de realoxo e as medidas complementarias ao amparo do Plan Aluga que anunciou no Consello da Xunta do pasado 5 de Decembro.

Medio Ambiente

A deputada do BNG volveu denunciar que no organigrama da Xunta Medio Ambiente volva a integrarse na Consellería de Infraestructuras, “pois é como poñer o raposo a coidar ás galiñas”.

“Un bo exemplo desta realidade –continuou a parlamentar- é a redacción de informes ambientais feitos ad hoc para os intereses das empresas, como no caso da mina de Corcoesto, que conta cun informe aberrante para unha empresa de fóra que se vai facer de ouro –ironizou- explotando un recurso noso cunha tecnoloxía que vai provocar danos irreparábeis no medio ambiente da zona”.

Sogama

Ana Pontón lamentou ter que volver denunciar a “bomba ambiental” que supón Sogama, pois a consellería, en vez de rectificar, vai agrandar o “monstruo” e recomendou apostar pola reciclaxe, a compostaxe e ir a plantas comarcalizadas.

A parlamentar advertiu que cos propios dados da Xunta están estafando a moitos concellos, que pagan un canon por un lixo que no se trata, que se está depositando nun vertedoiro.

Pontón non quixo rematar a súa intervención sen aludir aos retrasos que se seguen acumulando en depuración e saneamento das rías; ao afán recaudatorio que se agacha tras o canon da auga que introduciu a nova lei e ao perigo de que non se manteñan as liñas de proximidade se o conselleiro non reclama de vez a transferencia en materia de cercanías.

Asemade, explicou que é necesario apostar polo transporte público, non só por cuestións ecolóxicas senón tamén como forma de favorecer a mobilidade en tempos de crise, nos que os cidadáns teñen moitos problemas para asumir os custes do combustíbel.