O informe encargado polo BNG á UDC cifra en 904,7 M€ o rescate da AP9 e conclúe que a ampliación da concesión foi ilegal
A cifra corresponde ao valor de mercado, é dicir, a contía que un terceiro estivo disposto a pagar por AUDASA en 2018 actualizada co IPC
O estudo destaca como clave que ao tratarse dunha prórroga ilegal a concesionaria non ten dereito a ser indemnizada por lucro cesante
As peaxes na sombra até 2048 suman 2.844 M€ polo que recuperar a AP9 aforraría 1.940 M€, 953 M€ restando os ingresos estimados por IVE e IS
Pontón: “Recuperar a AP9 ademais de posible e viable é máis económico tanto para os galegos e as galegas como para as arcas públicas”
Os profesores de dereito da Universidade da Coruña Carlos Aymerich e José Antonio Blanco, autores do informe xurídico e económico da AP9
O BNG presentou o informe que encargou á Universidade da Coruña sobre a situación xurídica e o custe dun posible rescate da AP9 co obxectivo de dar resposta a dúas preguntas: É ilegal a prórroga da concesión de 35 anos da AP9, e dicir, é ilegal a prórroga de dez anos aprobada primeiro polo goberno do PSOE e a de 25 anos aprobada polo PP despois? E, como segunda cuestión, canto costa rescatar a AP-9?
Pois ben, o informe conclúe que ampliar a concesión da AP9 dos 39 anos previstos na orixe da autoestrada en 35 anos adicionais (máis dun 90% de variación) representa, segundo a normativa europea, un cambio substancial no contrato inicial que non se pode realizar sen unha licitación previa. Polo tanto, a concesión directa da ampliación é ilegal porque viola a normativa europea e española e os principios de igualdade e de transparencia na contratación pública.
A outra cuestión clave do informe é a cuantificación do rescate ou recuperación da autoestrada que cifra en 904,6 millóns de euros, cantidade que corresponde ao valor de mercado, é dicir, á contía que un terceiro estivo disposto a pagar pola AP9 en 2018 actualizada co IPC e restando o valor perdido polo feito de dispoñer a día de hoxe de seis anos menos de concesión.
“Rescatar a AP-9 costaría 904,7 millóns de euros por ser este o valor de mercado da autoestrada, non 4.000 millóns de euros como dixo o goberno do PP de Rajoy no seu momento, nin 6.000 millóns de euros como di agora o goberno do PSOE, cifras completamente infladas pensadas para mandar a falsa mensaxe de que rescatar a AP9 é imposible”, destacou a líder do BNG durante a presentación do informe, man a man cos seus autores, os profesores de dereito da Universidade da Coruña Carlos Aymerich e José Antonio Blanco.
Nesta valoración, como se recolle no estudo da UDC, inflúe unha cuestión xurídica clave: o feito de que ao tratarse dun contrato ilegal, -e por tanto anulable-, a concesionaria AUDASA non ten dereito a indemnización por lucro cesante, como recolle o Tribunal Supremo nunha sentenza ditada en 2022: “Non cabe recoñecemento de indemnización do lucro cesante por canto suporía de facto manter os efectos económicos do contrato á marxe da declaración de nulidade”, reza o fallo do alto tribunal.
“Este aspecto é fundamental porque implica abaratar o rescate da AP9”, resaltou Pontón, “polo que cabe preguntarse por que non está sendo considerado nin polo Goberno do Estado nin polo Goberno da Xunta á hora de fixar as contías de recuperación a autoestrada”.
En termos de valoración económica o estudio da UDC aporta outros dous datos transcendentes á hora de propoñer o rescate: as peaxes na sombra e o custe de mantemento da infraestrutura.
Aforro para as arcas públicas
O estudo encargado polo BNG recolle que as peaxes na sombra pendentes de pago entre 2024-2048 ascenden a 2.844,5 millóns de euros, cálculo realizado en base ao ditame do Consello do Estado de 2021. “Unha cantidade enorme”, indicou Pontón, “polo tanto, recuperar a AP9 non só sería beneficioso para Galiza senón para as arcas públicas”, porque suporía un aforro de 1.940 millóns, 953 millóns se se descontan os ingresos estimados por IVE e polo Imposto de Sucesións que xeraría a empresa.
O segundo dato relevante está no custe de conservación e mantemento, que ascende segundo a propia concesionaria a 11,8 M€ anuais, unha cifra “perfectamente asumible”.
No que se refire a parte de avaliación xurídica da AP9, Pontón quixo destacar tamén un asunto relevante relacionado co feito de que o Goberno central pode actuar xa para declarar ilegal a prórroga, sen necesidade de que haxa sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), co que iso suporía de aforro de tempo e de cartos, tanto para o erario público como para os miles de usuarios da autoestrada.
“O Estado español non ten que esperar á que Europa decrete que a prórroga da concesión da AP9 é ilegal, senón que pode usar o ditame da Comisión Europea para asumir dita ilegalidade e recuperar a infraestrutura. A Comisión Europea abriu a porta ao rescate da AP9 e desde o BNG pedimos ao Goberno do Estado que a abra de par en lugar de intentar pechala a toda costa”, reclamou Pontón.
“Sabemos que rematar coa esa estafa legalizada das peaxes da AP9 é posible, é viable e ademais é máis económico para as arcas públicas e máis beneficioso para os galegos e as galegas, porque é evidente que este é un agravio ao que temos que poñer fin”, concluíu a líder nacionalista.
Actuar de boa fe
Pola súa parte, Carlos Aymerich e José Antonio Blanco afondaron nas cuestións máis técnicas do informe, o primeiro abordando a base legal que sustenta a ilegalidade da ampliación da concesión e a ausencia de lucro cesante e a xurisprudencia existente en casos similares.
Neste sentido, e ante a porta que abre a Comisión Europea coa declaración de ilegal da prórroga da concesión da AP9, Aymerich indicou que o Goberno do Estado ten dúas alternativas: levar este tema a un enredo xurídico con novos recursos, ou “actuar de boa fe, de boa fe para Galiza” asumindo o ditame da Comisión e instando á anulación da concesión pola vía dunha revisión do oficio. “Pode facelo xa”, recalcou.
Blanco, pola súa banda, salientou que o informe utiliza até catro criterios distintos para establecer avaliar economicamente o rescate, pero que a máis acaída é a que corresponde co valor de mercado, é dicir, o que o mercado xa estivo disposto a pagar por AUDASA en 2018 e actuar ese valor en base ao IPC.
“A valoración económica máis acorde da concesión é o valor de mercado da mesma e que a sitúa neses 904,7 millóns”, subliñou, ao tempo que poñía o foco as peaxes na sombra que está pagando o Estado á concesionaria que, en 2023 alcanzaron o 30% da súa facturación.