Industria non se compromete a acudir á subasta para salvar Alfageme

Montse Prado acusa á consellería de ter mareado ás traballadoras durante estes tres anos e lembra que nin Galiza nin unha comarca como a do Salnés se poden permitir o luxo de perder a conserveira e seus postos de traballo

A deputada do G.P. do BNG Montse Prado exixiu en pleno ao conselleiro de Industria que abandone a política de “dilación” que leva practicando xa dende hai tres anos sobre o conflicto de Alfageme e se presente mañá na subasta para garantir o Plan de Viabilidade da conserveira.

Montse Prado advertiu durante a quenda de preguntas urxentes ao goberno que “estamos xa en tempo de desconto” no caso de Alfageme, pois o xulgado do mercantil e a administración concursal, “fartas xa da falta de resposta da Xunta”, fixaron a data para a subasta para mañá Xoves día 20.

Para a deputada parlamentar, non é de recibo que o conselleiro veña á Cámara a teimar en non aclarar nada, en non respostar “non ao BNG senón ás mulleres traballadoras que levan loitando todo este tempo por manter o emprego nun proxecto que é vital para unha comarca como a do Salnés, con case 14.000 persoas no paro”.

A incompetencia e ineptitude da Xunta o que realmente agachan é o fin último de desmantelar a conserveira, malia ser estratéxica para unha comarca tan castigada polo desemprego como o Salnés

Montse Prado asegurou que tras a “incompetencia” e “ineptitude” da Xunta o que realmente se agacha é o fin último de desmantelar a conserveira, “malia ser este un sector estratéxico para Galiza e para a ría de Arousa pois conta cun producto de primeira calidade, con persoal con experiencia no sector e cunha marca e prestixio a nivel internacional”.

A parlamentar, que se reuniu despois da pregunta cunha representación das traballadoras que asistiron ao pleno, acusou á consellería de ter estado mareando a estas mulleres durante estes tres anos, pois ao longo deste tempo tanto Feijóo como o anterior conselleiro veñen amosando publicamente o seu compromiso coa empresa.

Compromisos incumpridos

Prado puxo algúns exemplos e lembrou como en Marzo de 2011, Javier Guerra anunciaba aos catro ventos un acordo co grupo cántabro El Consorcio que permitiría reflotar Alfageme e recuperar os 150 postos de traballo.

“O conselleiro chegou a afirmar –engadiu a deputada- que ese mesmo ano volverían saír latas de conservas das factorías do Salnés, mais houbo que agardar até Setembro deste ano para que Industria publicara un concurso público que non se resolveu até a semana pasada coa sorpresa de que segundo o Igape ningunha das propostas presentadas poden facerse cargo de Alfageme por non cumprir cos requisitos do dito concurso”.

A parlamentar do BNG reiterou que esta situación, de ser definitiva, aboca á empresa á súa desaparición debido a que neste momento está en fase concursal con data de subasta para mañá Xoves, por iso urxe á Xunta a que acuda como principal acreedora e salve á empresa.