A inacción da Xunta en política lingüística durante oito anos provocou a perda de galegofalantes
- No ano 2017 ningún filme foi dobrado en galego, o ensino nas carreiras universitarias non alcanza nin o 3% e nas emisoras de radio que escoita a mocidade a música en galego representa o 0,1%
No transcurso da interpelación ao conselleiro de Educación sobre a redución de galegofalantes e a situación da lingua galega, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil acusou á Xunta de “inacción” e falta dunha política lingüística destinada a protexer e dar máis presenza ao galego. Neste sentido, preguntou polo anunciado Plan de normalización de usos da lingua galega que o goberno da Xunta está a preparar para a mocidade e que deu a coñecer coincidindo co Día Internacional da Lingua inicial.
Rodil asegurou que a realidade lingüística galega evidencia que cada vez “máis mocidade é educada só en castelán, estuda só en castelán, traballa só en castelán, namora só en castelán, só le literatura en castelán e só pode ver filmes en castelán”.
A deputada criticou que durante o ano 2017 ningún filme de estrea fora dobrado ao galego, que o alumnado non reciba Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego ou que non exista ningunha autoescola que ensine o manual de conducir en no noso idioma. Ademais, dixo hai carreiras universitarias en Galiza que non alcanzan o 3% do ensino no idioma propio é a música que escoita a xente nova nas emisoras é do 0,1%.
A deputada indicou que as persoas monolingües en galego nas cidades apenas son o 12% da mocidade. Ou o que é o mesmo, explicou, “falantes parciais ou totais en español nas cidades de Ferrol e Vigo superan o 80% e na Coruña ou Pontevedra máis do 75%”.
Nas vilas entre 20 mil e 50 mil habitantes Vilagarcía ou Narón, engadiu, o proceso de substitución lingüística, de cambio do galego ao español, agudizouse enormemente pasando a porcentaxe de castelanfalantes entre mocidade do 44% ao 55% en só 10 anos. “Máis da metade, nunha década”.
Rodil volveu a preguntar polo contido do Plan de normalización de usos da lingua galega, como se está a elaborar, que medidas o integrarán ou que liña discursiva seguirán despois de dicirlle durante anos á mocidade que traballar na defensa do idioma e procurar a súa presenza en todos os espazos é unha imposición. “Vostedes racharon o consenso lingüístico e uso da lingua como arma electoralista antes do ano 2009”.
A deputada rematou a súa intervención preguntando ao titular de Educación e Cultura como pensaba o Partido popular emendar as consecuencias da súa política e discurso de “agresión contra o idioma galego”.
Pola súa parte, Román Rodríguez apostou por lograr un “consenso coa cidadanía para coñecer e impulsar o uso do galego”. Hoxe o galego está “normalizado practicamente en todos os ámbitos”, afirmou o conselleiro ao que a deputada replicou que “ o Partido popular é especialista en acusar ao BNG de alarmista” pero a realidade, dixo, é a que reflicten os datos elaborados polo Instituto Galego de Estatística con ”absoluta independencia e que poñen en riba da mesa unha realidade que é a que hai”:
A deputada reiterou que Galiza segue perdendo galegofalantes e mesmo en zonas rurais e da montaña ante o proceso de urbanización que asimilou unha cultura máis castelanizada. “Pídolle que non minta nin falte á verdade nesta tribuna”. Hai que actuar sobre a realidade para mudala, concluíu.