Iago Tabarés: “Sacarémoslle o terceiro escano ao PP para falar de Ourense no Congreso”
O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados asistiu á presentación de candidatura da comarca do Ribeiro
O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados, Iago Tabarés, acudiu a un encontro coas veciñas da comarca do Ribeiro na Alameda de Ribadavia. Alí, o candidato sinalou a capacidade dos sectores produtivos que destacan nas localidades da comarca.
“Nós temos que defender o noso e iso pensamos facer a partir do 28 de abril para traballar por Ourense e o país” destacou o candidato ao Congreso. En contraposición, asegurou que ninguén vai a traballar por nós. Asemade, resaltou a cifrar de mozas que teñen que emigrar: “35.000 mozas ourensáns tiveron que marchar do noso país e contamos co maior número de pensionistas de todo o Estado, a parte de contar coas pensións máis baixas”.
O candidato tamén sinalou a privatización “galopante” que están sufrindo os sectores públicos como o ensino e a sanidade. “Temos que facer o que recentemente fixo o concello de Castelo de Miño apoiando ao BNG para que liderara un proxecto de renovación na localidade” afirmou o candidato.
Tamén fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos do concello de Valdeorras e da comarca, en particular o vitivinícola “con garantías de rendas para os produtores”. A mellora dos servizos públicos de calidade, sobre todo en sanidade e educación, así como as medidas transversais para frear a sangría demográfica están entre as prioridades do candidato a partir do 28A. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso”, concluíu.
Asemade, interviu a tenente alcalde de Castrelo de Miño, Rita María, tamén candidata ao Congreso dos Deputados, que chamou á cidadanía a votar BNG como “chave para que Galiza poida ser escoitada e atendida como se merece”. Destacou o papel da única eurodeputada da formación nacionalista que levou “todos os problemas de Ourense e da comarca do Ribeiro a Europa, onde tivemos quen defendera os intereses”. Seguindo o mesmo exemplo da presenza nacionalista no Parlamento Europeo, amosou a necesidade que ten Ourense de contar coa presenza de Iago Tabarés no Congreso dos Deputados.
Candidaturas preparadas para o vindeiro 26M
As cabezas de lista dos concellos da comarca do Ribeiro tamén interviñeron no acto, coincidindo na necesidade que existe de seguir modelos de goberno “competentes e transparentes”. Asemade, as e os candidatos ás alcaldías, presentaron o seu proxecto común tomando como exemplo o concello de Castrelo de Miño.