Iago Tabarés reclamará unha mellora nas comunicacións para a zona de Viana do Bolo
O candidato ao Congreso dos Deputados polo BNG visita o concello gobernado por Secundino Fernández para esixir boas conexións
Iago Tabarés estivo no concello de Viana do Bolo con persoas da candidatura municipal do concello. O candidato á reelección á alcaldía do municipio, Secundino Fernández, acompañou ao candidato ao Congreso polo BNG. Asemade, Tabarés falou do estado das infraestruturas de carácter estatal e esixiu a vertebración do territorio para conectar A Rúa, Viana do Bolo e A Gudiña.
“Viana do Bolo nestes últimos catro anos, da man do BNG, ten mellorado a calidade de vida dos veciños e veciñas do concello” sinalou Secundino, candidato á alcaldía de Viana do Bolo polo BNG. Os servizos sociais, segundo o candidato, foron a máis pero as infraestruturas que conectan o concello con outras localidades “son deplorables”. O candidato Fernández destacou tamén a necesidade de teren voz propia no Congreso dos Deputados en Madrid, da man de Iago Tabarés, para que estes problemas, que son competencia do estado, teñan solución.
Solucións para comunicar o interior da provincia
“A chegada do AVE ten que ser unha oportunidade para que se compense á poboación cun servizo de tren de proximidade e con horarios útiles” destaca o candidato ao Congreso. Continuou relatando as propostas que levará o BNG unha vez chegados a Madrid. “Esiximos que haxa paradas mínimas en A Gudiña porque, si que está licitada a parada máis sabemos que non queren que acontezan, e necesítase unha conexión do tren de proximidade a Ourense” destaca Tabarés. A día de hoxe, case só podes ir en coche particular porque “non hai tren e os horarios de autobuses non serven”.
Ademais, “deberá haber unha liña de autobús que conecte estas poboacións coa Gudiña e os horarios dos trens” sentenza o candidato ao Congreso. A candidatura nacionalista di que Renfe debe cofinanciar esta medida, posto que é ela a beneficiaria destas liñas de autobus.