Iago Tabarés: “Precisamos que Valdeorras se poida comunicar co resto de Ourense e de Galiza”
O candidato ao Congreso dos Deputados, Iago Tabarés, estivo no Barco de Valdeorras nun encontro con veciñas e veciños do concello. Tamén interviñeron Jesus Vilasánchez, candidato á alcaldía da vila, Mª Dolores Rodríguez, número dous da candidatura municipal; e Roberto Quiroga, candidato ao Senado e veciño da comarca de Valdeorras.
Nun primeiro momento, o candidato ao Congreso reivindicou a inxustiza que sofre a xente de Valdeorras “que teñen que desprazarse até Oviedo para recibir tratamento e coidados para a silicose”. O Barco, debido ás explotacións de pizarra que hai na comarca, é unha das zonas máis afectadas por esta enfermidade. O 80% dos casos de silicose son diagnosticados en Galiza e gran parte desa porcentaxe provén de Valdeorras.
“Precisamos vertebrar o noso territorio. Precisamos que Valdeorras se poida comunicar co resto de Ourense e o país” sinalou o candidato ao Congreso. Asemade, destacou que cando chegue a Madrid, unha das primeiras medidas será o arranxo da N-120 que conecta a comarca de Valdeorras coa capitalidade de provincia. “A comarca de Valdeorras tamén precisa dunha conexión de autobús con A Gudiña para poder acceder ao AVE cando chegue” apuntou Tabarés.
“Para empezar, reforzar a autoestima de ser, de estar e de vivir no Barco. En segundo lugar, promover o patrimonio local, unha aposta clara polo sector vitivinícola de tal xeito que O Barco se converta no berce da produción de godello”, explicou Iago Tabarés.
Voz propia para Valdeorras
“Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou. “Nun escenario sen maiorías absolutas cada deputado é decisivo. Para que o 29 de Abril non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, fagámonos valer e para iso está o Bloque”, recalcou o candidato.