Iago Tabarés: “Ourense está a vivir unha sangría demográfica debido á inacción política do PP e o PSOE”
O candidato ao Congreso dos Deputados polo BNG remarco na capital da Limia a necesidade de políticas públicas de calidade
O Bloque Nacionalista Galego realizou un encontro co candidato ao Congreso dos Deputados por Ourense, Iago Tabarés, acompañado por membros da candidatura municipal coma o cabeza de lista, Ramiro Rodríguez, e a número dous da lista, Alba Feixóo. Asemade, tamén participou no encontro o candidato ao Congreso Santi Rodríguez, gandeiro da comarca da Limia.
O candidato ao Congreso dos Deputados, Iago Tabarés, comezou a súa intervención dando a coñecer o rexeitamento do BNG á planta asfáltica que contamina a comarca da Limia. A colocación desta infraestrutura implica moitos riscos pola súa proximidade a zonas de protección medioambiental como a zona da ZEPA da Limia, lugar de protección de aves. Esta zona ten a protección e conservación do hábitat e das especies da contorna.
“Este territorio afecta a máis de seis mil habitantes dos concellos de Porqueira, Bande, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio...” sinalou o candidato. “Precisamos a paralización das obras da planta de produción de mestura bituminosa en quente na canteira de Bouzas” engadiu.
Asemade, o candidato ao Congreso tamén falou da necesidade que ten a comarca da Limia de ter axudas para o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos. “Hai gandeiras e agricultores nesta comarca, pero precisamos que dende Madrid escoiten as nosas problemáticas” explicou Tabarés. O candidato insistiu na necesidade “levar a voz ao Congreso de todas esas mozas que queren traballar na terra pero que se ven forzadas a emigrar”.
Remarcou a necesidade da mellora dos servizos públicos de calidade, sobre todo en sanidade e educación, así como as medidas transversais para frear a sangría demográfica están entre as prioridades do candidato a partir do 28A. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso”, concluíu Tabarés.
Xinzo de Limia coas ideas claras
O candidato á alcaldía de Xinzo de Limia, Ramiro Rodríguez, recalcou a inestabilidade gobernamental do concello e a ineficacia lexislativa da mesma. “O BNG preséntase como a única alternativa eficiente capaz de xestionar as políticas públicas do concello” sinalou o candidato Rodríguez. Asemade, sinalou que a organización nacionalista ten “un programa electoral capaz de transformar a realidade da localidade limiá de carácter positivo e prepositivo”.
Ramiro Rodríguez concluíu a súa intervención animando ás veciñas e veciños do concello de Xinzo de Limia a votar ao BNG tamén o vindeiro 28A. “O único voto que vale para reformular e solucionar todos os nosos problemas é o voto ao BNG” sinalou. “Nun escenario sen maiorías absolutas, Galiza e Ourense teñen e poden condicionar as políticas do Estado” rematou Rodríguez.