Iago Tabarés apela ao dobre voto do BNG nestas eleccións para que Ourense teña voz propia no Congreso
A formación nacionalista pecha a súa campaña electoral en Seixalbo
Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso dos Deputados por Ourense, deu por finalizada a campaña electoral para os comicios do vindeiro 28A chamando a todas aquelas persoas que “senten e pensan en Ourense” a que voten ao BNG. Asemade, a candidata ao Senado, Gloria Viana, apelou á “dignidade como pobo” para botar á ultradereita das institucións.
Na Asociación de Veciños e Veciñas de Seixalbo, o BNG realizou o seu peche de campaña electoral para os comicios do vindeiro domingo 28A. Durante a súa intervención, o candidato ao Congreso, Iago Tabarés, recalcou o momento político que se está a vivir. “Sería un erro histórico que Galiza e Ourense non contase con representación propias no Congreso dos Deputados” sinalou.
“O BNG en Madrid actuou, desde 1996 até 2015, sempre como unha forza propia do país, utilizando os nosos escanos para garantir que Galiza fose respectada, para defender con firmeza os intereses dos galegos e das galegas, para negociar investimentos e melloras necesarias para Galiza” afirmou o candidato ao Congreso.
“Eu sei que neste contexto, hai milleiros de galegas que, votasen noutros momentos ao BNG ou votasen a outras forzas políticas, sexan nacionalistas ou non, perciben que Galiza está fora do debate político actual. A elas me dirixo, a todas elas, pedindo o voto para o BNG porque é a única forza política que pode defender os intereses de país” asegurou o candidato ao Congreso Iago Tabarés.
O voto do BNG, como afirmou o cabeza de lista do BNG, nestas eleccións “vale dobre”: por unha banda, “para parar a esa dereita do trifachito encabezada por Casado que quere destruír os nosos dereito e liberdades”; e, por outra banda “para poñer de relevancia os problemas e solucións que precisas Galiza e a provincia de Ourense”.
“O voto útil, como se pode apreciar, é o voto ao Bloque Nacionalista Galego xa que somos garantía da fin deste proceso re-centralizador dos dereitos cívicos e sociais e preocúpannos os e as ourensáns” finalizou Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso por Ourense.