Homenaxe a Manuel María en Santigo, poeta nacional e home das causas xustas para Galiza

Homenaxe a Manuel María en Santigo de Compostela

O BNG homenaxeou en Santiago a Manuel María cun acto simbólico de reparto pola rúa e entre o comercio local dun folleto cos poemas composteláns do escritor, como recoñecemento no só literario senón tamén á calidade humana dunha persoa que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “sempre estivo comprometido coas causas xustas”.

“Foi o gran poeta nacional, pero tamén un home comprometido coa defensa do idioma e coas causas xustas, como a defensa dunha Galiza dona do seu futuro, onde todos e todas tiveramos prosperidade, igualdade e xustiza”, indicou Pontón, “con este acto simbólico queremos devolverlle un pouco do que nos deu, nunha cidade como Compostela á que se sentía tan ligado e á que lle dedicou un poemario do que hoxe repartimos unha escolma para a súa difusión entre a veciñanza e o comercio local de Santiago”.

Pontón aproveitou o acto para instar á participación na manifestación do 17 de maio, que cada ano saca a milleiros de persoas á rúa en defensa do noso idioma con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. “Convidamos a saír a rúa con alegría a defender a nosa lingua e a denunciar que non imos permitir que se siga lexislando contra o galego, nin a que os diferentes poderes segan poñan paus nas rodas ao proceso de normalización do galego”, denunciou.

Neste sentido, a dirixente do Bloque cualificou de “negros” para o idioma propio os sete anos de goberno de Feijóo. “Lonxe de defender o idioma púxose enfronte de todas as persoas que pensamos que ter lingua propia é un ben, unha riqueza colectiva do noso país e, por iso, o próximo 17 de maio tod@s xuntos na rúa para defender o futuro do noso idioma e a esperanza que hai deposita nel”, concluíu.