Os herdeiros políticos dos que exiliaron a Castelao queren recortar o autogoberno de Galiza

Literatura, música, interpretacións e discurso político forón os ingredientes da homenaxe do BNG a Alfonso Daniel R. Castelao, no que o  portavoz nacional, Xavier Vence, aproveitou para salientar a “total vixencia” do seu pensamento político, como proba o que feito de que 64 anos despois do seu pasamento sexa necesario seguir loitando polo autogoberno e as institucións de Galiza.

“Son os herdeiros políticos da mesma dereita que condenou a Castelao ao exilio os que hoxe ordenan o desmantelamento das institucións de autogoberno polas que traballou incansablemente toda a súa vida, para que Galiza tivese un recoñecemento como nación e para ter un Parlamento propio con capacidade para defender os intereses do país”, denunciou Vence.

O dirixente nacionalista considera “suicida” a estratexia do PP de recortar o Parlamento a través do que define como “cruzada contra todas as conquistas dos último 35 anos, tanto en termos de autogoberno como de calidade de vida e de benestar social”.

Neste sentido, subliñou que o BNG seguirá enfrontando nas institucións e nos concellos nos que goberna a política involucionista do PP, que se plasma no recorte de dereitos e liberdades individuais, - como os anteproxectos da Lei do Aborto ou da Lei de Seguridade Cidadán-, no recorte de servizos públicos, -en particular coa privatización e recortes na sanidade-, e coa subida xeneralizada de impostos e taxas de servizo básicos como a auga, luz, carburantes, lixo ou mesmo os medicamentos.

“É un auténtico programa radical da dereita económica e política, dun PP empeñado en non deixar en pé nin o esqueleto do actual autogoberno plasmado no Estatuto”, denunciou Vence, quen salienta que o recorte do Parlamento é un paso máis nesa dirección.

Imposición unilateral

O portavoz nacional reiterou a proposta do BNG de dialogar coas restantes forzas políticas para buscar unha posición común ao recorte da Cámara e salienta que non ve posibilidades de negociar con un PP “que ten posto en marcha un proceso de imposición unilateral de recorte do autogoberno dun xeito pouco democrático, pois aínda que co 44% do voto pode ter o control do 55% do Parlamento, grazas a unha lei electoral inxusta, non ten o apoio social. É indefendible por parte do PP seguir adiante co recorte ignorando a todas as demais forzas políticas”, alegou.

“Debemos responder unidos para frear a embestida do PP contras as institucións galegas”, recalcou.

Bandeira galega na UE

Vence tamén fixo referencia aos comicios europeos de maio, que ve como a primeira oportunidade para “dicir non” ás políticas de recorte que deixan desemprego, destrución de empresas, redución de servizos públicos, de salarios e pensións, e mesmo de liberdades e dereitos, “e que provocan enorme sufrimento na maioría social”.

“Este ano temos que levar as galegas e aos galegos ás urnas para darlle unha resposta contundente a estas políticas da Troika e da dereita española, e temos que pór en Bruxelas a bandeira de Galiza para defender os intereses dos nosos sectores produtivos, da nosa cidadanía e dos nosos intereses políticos como nación”, argumentou, tras salientar que o proxecto do BNG representa “o nacionalismo emancipador no político e no social”.

O espellismo federalista

Vence citou a Castelao para defender unha Galiza soberana porque o BNG, ao igual que o ilustre galeguista, considera que o futuro do país “depende da súa propia liberdade política, da súa autonomía integral” e, nese sentido, advertiu contra “o espellismo do federalismo das esquerdas españolas” que, como tamén deixou escrito o político de Rianxo, “son federalistas de boquilla cando están lonxe do poder e vólvense centralistas cando se achegan ao poder”.

O acto de homenaxe a Castelao concluíu coa habitual ofrenda floral e coa interpretación do himno galego, despois dun roteiro político e cultural seguido por varios centos de persoas con paradas en puntos emblemáticos relacionados co político, escritor e ilustrador, baixo a guía do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

 Roteiro político e cultural

O acto  de homenaxe arrancou  diante do consistorio de Rianxo cunhas palabras de benvida do alcalde, Alfonso Muíños, para iniciar un roteiro musical, literario e político con paradas en puntos especialmente vinculados á figura do galeguista. Desde a sede do Concello, ubicado precisamente na Praza Castelao, o roteiro continuou ata o Cuartel Vello, construído como escola durante a República e na actualidade sede da Fundación Castelao, para seguir ata a Casa da Rúa de Arriba, na que residiu Castelao, coa lectura de poemas.

Na biblioteca municipal, no Pazo do Martelo, no entorno da Praza Rafael Dieste, as actuacións musicais a cargo de Antón Parada, artista de hip hop, e leitura de poemas por parte de Xián Iglesias Pérezv e música de Sabela Galán Pimentel. O punto final, diante do busto a Castelao, no Paseo da Ribeira, doado pola Emigración do Uruguay, coa ofrenda floral, seguido dainterpretación do himno galego.

TODAS AS IMAXES DO ACTO NESTE LINK: