Guillerme, no Consello Nacional: "O Goberno Feijóo ten que ser substituído e canto antes, mellor"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este sábado que o Goberno Feijóo “non merece máis marxe de confianza” e si, en troca, merece “ser substituído” e “canto antes, mellor”.

Para o líder nacionalista, o Goberno Feijóo é un goberno “letal para Galiza” por ser “sumiso con Madrid e cos poderosos e cruel, teño que dicilo así, cruel, cos máis débiles”.

Guillerme pronunciouse nestes termos durante o discurso de abertura do Consello Nacional da formación nacionalista, intervención na que analisou o traballo realizado polo BNG desde a anterior sesión plenaria do máximo órgao entre asembleas.

O Consello aprobou o recoñecimento como colectivos do Movemento Galego ao Socialismo e de Abrente, Esquerda Democrática Galega

Nesta reunión de hoxe, como se encargou de informar Guillerme na súa intervención, o Consello Nacional aprobou o recoñecimento como colectivos organizados no seo do BNG do Movemento Galego ao Socialismo e de Abrente, Esquerda Democrática Galega.

No seu discurso, caracterizou a situación de Galiza de “emerxencia nacional” pola acción combinada das “políticas europeas” coa nefasta xestión dos gobernos central e galego.

Afronta esa “emerxencia nacional” un goberno, o de Feijóo, que Guillerme non dubidou en tildar como o “pior goberno da historia de Galiza”. “Agora”, dixo, “co Goberno Amigo en Madrid, xa non ten nin o recurso de culpar a outros da súa propia inoperancia”.

O portavoz nacional acusou directamente a Feijóo de ser corresponsábel da case que inevitábel “expatriación do aforro galego”, espolio que se vai producir no medio do “escándalo das indemnizacións multimillonarias” dos directivos e da estafa das participacións preferentes, “sen que en ningún momento Feijóo teña reaxido”.

Para Rajoy, seica o importante é salvar o euro, aínda que nos acabe afogando a todas e a todos nós

Denunciou Guillerme que o mesmo Feijóo que agora “renega” dos directivos das caixas non hai tantos meses promoveu -coa soa oposición do BNG, enfatizou o portavoz nacional- a reforma da lei de caixas para garantir a continuidade deses executivos nos órgaos de dirección da entidade resultante da fusión.

“Señor Feijóo, Comisión de Investigación, xa!”, demandou un Guillerme para quen resulta evidente que as escusas para demorar a súa constitución responden a que o PP e o presidente da Xunta “teñen moito, moito, que agachar”.

Degradación da Democracia

O líder nacionalista acusou tamén a Feijóo de “limitar o exercicio da Democracia” ao coartar os debates no Parlamento galego -”como fixo ao obstruír as ILPs sobre a sanidade ou preescolar na casa”.

“Este é un goberno esperpéntico desde o primeiro día”, remarcou Guillerme, quen salientou que ten entre os seus membros a un conselleiro de Industria “que ten a súa propia industria, pero en Portugal!!!!”.

“Un Goberno que comezou no Desván de los Monjes”, brincou, “e que agora xa ve como a señora Castaño é acusada de malversar fondos da Fundación Cela, xenerosamente regada con cartos públicos, antes e agora, por responsabilidade do PP”.

Degrádase a democracia tamén cando “e sen pórse colorado, e iso ten moito mérito”, o presidente da Xunta volta a anunciar agora a contrución de 11 centros de saúde, os mesmos 11 centros de saúde cuxa edificación anunciou hai 3 anos sen ter feito até agora nin o primeiro.

Rescate á banca, saqueo ao pobo

Tamén dedicou tempo do seu discurso a valorar a recente cimeira europea. Guillerme acusou a Rajoy de falsear a realidade cando afirma que o rescate non vai supor novos recortes para o pobo.

“En Bruxelas non sei se salvaron o euro, o que si sei é que non salvaron o pobo galego do espolio que non cesa, que sigue en marcha”, afirmou Guillerme, quen a seguir subliñou que “do rescate do pobo teremos que encargarnos nós mesmos rebelándonos contra esta barbarie”.

“Para Rajoy seica o importante é salvar o euro, aínda que o euro acabe afogándonos a todas e a todos nós”, denunciou Guillerme.

Claro que Europa pon condicións e claro que continuarán os recortes. Enumerounos Guillerme: “Apartir de mañá, haberá que pagar máis polos medicamentos. Subirá a luz un 4 por cento. Aumentará tamén o prezo do gas. O da bombona de butano nun 6 por cento. E no horizonte agárdanos o aumento do IVE. Subirán os prezos de todos os produtos, tamén os de primeira necesidade, nun contexto en que os salarios continuarán a descer”.

O corolario vai ser “máis sufrimento, máis recesión e máis paro” no que constitúe o que Guillerme definiu como “un círculo vicioso infernal”.

Por todo isto, o portavoz nacional chamou a “camiñar na dirección contraria” á que propón o Partido Popular, “por certo co xa non disimulado apoio do Partido Socialista”.

Tarefas para o vindeiro período: un 25-X masivo

O portavoz nacional mostrou a súa satisfacción por que o BNG está a traballar “moito e ben”, unha satisfacción que non é autocompracencia porque, matizou, “debemos traballar aínda máis e mellor” porque a grave situación de crise económica e social “así o require”.

O Goberno Feijóo é letal para Galiza, sumiso con Madrid e cos poderosos e cruel cos máis débiles

En nome da Executiva, Guillerme quixo trasladar os parabéns polo traballo desenvolvido por “todas e a todos vós”, afirmou en alusión aos membros do Consello Nacional. A felicitación estendeuna “ao conxunto de toda a militancia do BNG” polo seu “entusiasmo” e “sobreesforzo”.

Sinalou as tarefas do vindeiro período para o BNG: “Combater politica e socialmente as desastrosas políticas do PP e difundirmos as nosas alternativas”.

No imediato, o desafío é o de facer do Día da Patria Galega “un gran día de mobilización baixo o lema de Rescata os Teus Dereitos. En Bloque Podemos”, así como “continuar a preparármonos para afrontar con suceso o vindeiro proceso eleitoral”.