Guillerme: "Nin ao BNG nin a Galiza lle valen esta UE nin este Estado español"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este xoves que “nin ao BNG nin a Galiza lle valen nin esta Unión Europea nin este Estado español, un modelo compartido no esencial por PP e PSOE que está condenando a Galiza á irrelevancia política, económica e demográfica”.

Guillerme interveu esta mañá nun acto público organizado polo BNG para conmemorar o 76 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936. O evento reuniu a máis de cen persoas, entre as que se atopaban deputados do BNG, membros da Executiva Nacional e alcaldes nacionalistas.

O portavoz nacional do BNG cualificou o estatuto de 1936 como “un logro do pobo galego, do Partido Galeguista e especialmente de Castelao e Bóveda, que entenderon que a soberanía do pobo galego era imprescindíbel para solucionar os problemas de Galiza”.

Neste sentido, subliñou que “76 anos despois, as necesidades de soberanía son se cadra máis imprescindíbeis, ante un modelo de Estado Centralista e un modelo económico neoliberal que están a causar un gran padecemento ao pobo galego”.

“Nin ao BNG nin a Galiza lles serven esta UE e este Estado español”

E é que tal e como afirmou “nin ao BNG nin a Galiza lle serve este edificio neoliberal e centralista, consistente en saquear ao pobo para cebar banqueiros, e recentralizar o Estado ao mesmo tempo que se aspira a convertelo nun länder de Alemaña”.

Guillerme denunciou que “esta é a única vía que nos seguen a propoñer o PP, e tamén hai que dicilo, o PSOE,nun acordo tácito, malia que aparenten diferencias”.

Por iso, subliñou que “nin ao BNG nin a Galiza nos serve este modelo de Unión Europea no que Galiza é pagana coa destrución de todos os nosos servizos básicos; e tampouco nos serve este Estado español que non só impide avanzar no autogoberno senón que dinamita o noso Estatuto con decisións do Goberno Central”

“Sen soberanía -advertiu- non hai democracia, e sen democracia non hai dereitos, nin laborais nin sociais”.

Por iso, Guillerme afirmou que “a consciencia de necesidade de soberanía ábrese paso nas nacións sen Estado, e tamén na Galiza”.

“Como hai 76 anos, en Bloque podemos”

Ante esta situación, o portavoz nacional do BNG puxo de manifesto que ”neste 28 de xuño, como fixeron hai 76 anos Bóveda e Castelao reafirmamos que en Bloque podemos, porque Galiza pode”.

“Fronte aos que proclaman insistentemente que Galiza non é quen de valerse por si mesma -subliñou-, fronte aos que inoculan a nociva idea de que Galiza subsiste grazas á solidariedade do Estado español afirmamos que Galiza xera e da máis recursos ao Estado en forma de impostos do que este nos devolve en forma de financiamento, e aí están as balanzas fiscais para comprobalo”.

Un sistema de cupo fiscal para Galiza

Por iso, Guillerme afirmou que “seguimos demandando dende o BNG plena soberanía fiscal para Galiza, e agora con máis razón porque se o Estado español está disposto a cederlla a instancias supraestatais, máis necesario ca nunca un sistema fiscal propio , cunha Axencia Tributaria propia, a xestión dos impostos, os criterios a aplicar na progresividade fiscal”.

“Reclamamos directamente un sistema de cupo”, anunciou o portavoz nacional do BNG.

“Expatrían o aforro galego no medio dun escándalo consentido por Feijoo”

Por último, Guillerme denunciou que “expatrían o aforro galego no medio dun escándalo -o das indemnizacións multimillonarias, o do corralito- consentido por un Feijóo que pactou cos directivos”.

Guillerme lembrou que “o BNG foi o único que se opuxo a isto”.

 

http://youtu.be/wC9y-sDfMp8