Guillerme fala de "día negro" para Galiza e chama á "rebelión" e á "insumisión" fronte aos recortes

 

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou a xornada deste mércores de “día negro” para Galiza e para o conxunto das maiorías sociais e chamou á “rebelión” e á “insumisión” fronte o novo paquete de recortes anunciados no Congreso por Mariano Rajoy.

Guillerme Vázquez, en declaracións aos medios logo dun encontro de traballo con cargos institucionais e orgánicos do BNG en Vilagarcía, afirmou que as medidas que vai aplicar o goberno non son “reformas” senón que son un auténtico “roubo” á xente e o PP non ten lexitimidade democrática para aplicalas.

Referéndum ou novas elecións

Neste sentido, o voceiro nacionalista advertiu que o argumento de Rajoy de que o avalan os votos non é válido, pois non se presentou ás elecións con este programa, e convidouno a que convoque un referéndum ou uns novos comicios e se presente aos mesmos co programa da “troika” e logo os cidadáns decidan.

O PP non ten lexitimidade democrática para aplicar estes recortes, ten que convocar un referendum ou eleccións e presentarse co programa da troika

“Rajoy, que pide comprensión e apoio para as súas medidas –engadiu- non o vai atopar no BNG, pois dende o BNG chamamos á insumisión e á rebelión fronte a unhas medidas inxustas e inútiles, que non van á raíz dos problemas, agora hai un novo recortazo pero mañá os mercados volverán pedir máis”.

Para Guillerme Vázquez, minta o que minta o presidente do goberno do Estado, a realidade é que España está intervida, como vén denunciando o BNG dende hai días, pois as medidas que se van aplicar son exactamente as mesmas que xa se aplicaron en Grecia e Portugal, “cuns resultados estupendos”, ironizou.

Máis recesión e menos soberanía

O líder nacionalista lamentou que o PP siga empeñando en ir por unha senda que non vai resolver a crise senón que a vai agravar, que vai ser un “desastre” tanto para a poboación, con máis paro, máis desigualades, máis marxinalidade, como para os pobos, coa perda de soberanía.

Vázquez tamén criticou o “descaro” de Rajoy ao facer unha proposta que é un “trasvase” directo dos recursos das persoas á banca, que o presidente incluso cuantificou en 65.000 millóns de euros en dous anos e medio, que son as cifras que se están a manexar para a recapitalización da banca.

“Hoxe é un día negro para a sociedade pero seguro que é de alegría para a banca e os especuladores. Por esta vía non hai saída posíbel, por iso hai que dicir basta xa e ir polo camiño totalmente contrario, no que se recupere a democracia, os gobernos para os cidadáns e non para os banqueiros, a soberanía e a capacidade de decisión dos pobos e o traballo como valor e como dereito”, concluiu.