Guillerme denuncia que a UE decreta o despedimento de centos de traballadores de NGB e Feijóo cala

Feijóo “nin está nin se lle espera” mentres a Unión Europea ordena 2.000 despedimentos -800 en Galiza- en Novagaliciabanco, entidade que vai ser “descuartizada” para a súa venda a prezo de saldo.

Así o considera o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen, através deste comunicado de imprensa, denuncia que máis unha vez o saneamento dunha entidade financeira se quer facer pola vía de atentar contra os dereitos dos traballadores.

Basta xa de imposicións desde fóra 

“Basta xa de imposicións desde fóra. Basta xa que se elimine o sistema financeiro galego por decisións que se adoptan en Bruxelas, co apoio entusiasta do FMI. Non podemos aceptar unha decisión que vai supor agravar a masiva eliminación de postos de traballo que sofremos en Galiza desde o estourido da crise”, engade.

A alternativa a esta situación pasa por avanzar cara á soberanía. “O democrático é que as decisións que nos atinxen tan diretamente as tomemos en Galiza as galegas e os galegos”, dixo. A liquidación de Novagaliciabanco fai máis necesaria que nunca, engadiu, a aposta pola criación dunha Banca Pública Galega, resaltou. “Este país non pode ficar sen un sistema financeiro propio”, argumentou.