Guillerme critica o acordo Xunta-Deputacións: "Engorda institucións que deben desaparecer"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denuncia que co acordo asinado onte coas deputacións “o goberno de Feijoo pretende que a Xunta se desentenda dos servizos sociais e, de paso, engordar e lexitimar a unhas administracións obsoletas e que deben suprimirse, como son as deputacións”.

Guillerme estivo esta mañá en Bueu onde, xunto ao alcalde da localidade, o nacionalista Félix Juncal, presentou a axentes económicos e sociais a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega “a única forma de manter un instrumento financeiro con sede en Galiza e que forneza de crédito aos nosos sectores económicos, hoxe incapaces de acceder a ese crédito”.

“As deputacións deben desaparecer, non engordalas aínda máis”

Previamente, en declaracións aos medios de comunicación, o portavoz nacional do BNG valorou o acordo asinado onte entre a Xunta de Galiza e as deputacións. Guillerme aseguriou que “para o BNG vai na dirección contraria ao que debería ser a reforma lóxica e necesaria, porque con este acordo a Xunta non só pretende quitarse un morto de enriba no referente aos servizos sociais, senón que ademais trata de engordar competencias das deputacións, unhas institucións obsoletas que deben desaparecer”.

Pola contra, defendeu que “a liña adecuada para o BNG non é esta e recomendámoslle ao señor Feijoo que a reforma administrativa necesaria debe incluír a desaparición das deputacións”.

Multas do Goberno aos afectados polas estafa das preferentes

Por outra parte, o portavoz nacional do BNG esixiu “a retirada inmediata das sancións que as subdelegacións do goberno están enviando aos estafados polas participacións preferentes”. Guillerme denunciou que “é absolutamente intolerábel e inaceptábel en democracia que os estafados sexan perseguidos polo Goberno a través de multas mentres que os que estafan están tranquilamente nas súas casas”.