Guillerme: "Criminalízase a defensa do galego e a vulneración da lei fica impune"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, estivo hoxe na concentración de apoio a Carlos Callón perante o seu xuízo por esixir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística ao xuíz decano da Coruña. Guillerme lamentou que se celebre este xuízo contra Carlos Callón porque vivimos nun mundo ao revés onde se criminaliza a defensa do idioma galego e a vulneración da lei goza de impunidade.
É evidente que temos que asistir de novo a un xuízo que nunca debería ter tido lugar, apuntou, ao tempo que desexou que neste país empecemos a normalizar as cousas e o galego deixe de ser criminalizado.
Sobre a sentenza do TSXG contra o decreto do galego, o líder nacionalista opinou que Feijóo debería derrogalo mais parece ser que tanto lle ten o que digan os tribunais así que, cando tenta dar leccións de respecto á legalidade aos demais, igual debería mirarse un pouco a sí mesmo.
Tanto o portavoz nacional do BNG como o propio Carlos Callón amosaron a súa esperanza de que o portavoz nacional da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística sexa absolto no xuízo. É kafkiano, afirmou Callón, que catro anos despois de realizar unhas declaracións nas que só defendín o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística se nos xulgue.
http://youtu.be/3YwKYE1_04M