O grupo de Memoria Histórica da Eurocámara felicita á sociedade galega e ao movemento memorialístico pola recuperación do Pazo de Meirás
O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, integrado por membros de cinco grupos parlamentarios, expresa os seus parabéns á sociedade civil galega e ao movemento memorialístico que desde hai anos loita pola recuperación do Pazo de Meirás. Este grupo de traballo da Eurocámara considera que “por fin se acaba cunha aberración democrática, pero é necesario seguir dando pasos até conseguir la devolución de todos os bens incautados pola ditadura”.
Segundo manifesta o grupo de Memoria Histórica, nesta batalla pola recuperación de Meirás é necesario recoñecer o traballo de múltiples persoas, integrantes da sociedade civil galega, asociacións e institucións. “En especial queremos agradecer o traballo realizado polos investigadores Carlos Babío r Manuel Pérez Lorenzo, cuxo libro “Un Pazo, un caudillo, un espolio” é a base fundamental argumental da sentencia, con abundantes probas que permitiron ao Estado español a recuperación da propiedade do Pazo de Meirás”, destacan ao tempo que lembran que esta obra foi tamén presentada na Eurocámara polos seus autores.
“Aínda queda moito traballo por facer para completar a recuperación da memoria histórica e democrática no Estado español, no fin da impunidade franquista e na devolución dos bens incautados durante a ditadura, pero celebramos estes logros que se conseguen grazas ao esforzo colectivo de anos”, afirman desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara.
Visita institucional ao Pazo de Meirás
O Grupo de Memoria Histórica recorda que no marco de actividades que desenvolve desde hai anos, unha delegación integrada polos entón eurodeputados Ana Miranda, Izaskun Bilbao, Miguel Urban, Jordi Solé e Jill Evans, visitou o Pazo de Meirás en maio de 2018. Ao respecto sinalan que esta foi a primeira visita institucional realizada en democracia, co obxectivo de dar a coñecer e denunciar internacionalmente a situación de impunidade da que goza o franquismo no Estado español e que paulatinamente se trata de corrixir.
“Paradoxicamente atopámonos coa anomalía democrática de que a visita foi e sigue sendo xestionada na actualidade pola Fundación Franco”, apuntan desde este grupo de traballo. Ademais desta visita, a través do grupo de Memoria Histórica del Parlamento Europeo, en diversas ocasións denunciouse en Bruxelas o espolio realizado polo ditador, que atinxe por exemplo á Casa Cornide. O grupo de traballo celebrou tamén diversas conferencias sobre o “Franquismo post Franco”, que permitiu denunciar internacionalmente esa ocupación fraudulenta, e que contaron coa participación de representantes de asociacións do movemento memorialístico.