Parlamento Europeo

Grazas ao BNG a manipulación na CRTVG chega a dous vicepresidentes da Eurocámara e dúas das deputadas responsables da Lei Europea de Medios

Ana Miranda delegación CRTVG Eurocámara

Desde o Parlamento Europeo Ana Miranda chama a facer da manifestación do sábado “un clamor na defensa dos medios públicos galegos”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou que nunha intensa axenda en Estrasburgo a delegación do Comité en Folga da CRTVG “trasladou o ataque a liberdade de prensa, a manipulación que existe nos medios galegos”, así como as cuestións relativas aos dereitos dos traballadoras e traballadores que levan máis de mes e medio en folga.

“Como eurodeputada do BNG amosei todo o apoio e tiveron unha intensa axenda con dous vicepresidentes do Parlamento e coas responsables da Lei Europea de Medios”, explicou Ana Miranda en referencia as reunións mantidas pola delegación, en concreto cos Vicepresidentes Yonous Omarjee e Nicolae Stefanuta; coa eurodeputada relatora da Lei de Liberdade de Prensa Europea (Media Freedom Act) Diana Riba; e coa Presidenta da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, Nela Riehl.

Precisamente segundo apuntou Ana Miranda, a Media Freedom Act pode ser un dos “francos da batalla que o Comité de Folga poida desenvolver en Europa”. Neste sentido, nos diferentes encontros celebrados onte e hoxe a delegación analizou os incumprimento da Lei Europea sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación no anteproxecto de lei dos servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza.

Diminución da produción propia

A falta de independencia, de imparcialidade e de pluralidade, ademais do aumento da privatización e diminución da produción propia, e a falta de creación do estatuto profesional e do consello de informativos, son algúns deses incumprimentos denunciados por Andrea de Francisco (CUT), María José Rivero (UXT), Tiago Alvite (CIG) e Montse Montaos (CCOO) nas súas respectivas intervencións na rolda de prensa que ofreceron hoxe, quen salientaron ademais a importancia de trasladar estes problemas existentes na CRTVG ás instancias europeas.

“Algún día teremos unha televisión pública e plural como vós defendedes”, salientou Ana Miranda na súa comparecencia, quen ademais de agradecer aos representantes dos catro sindicatos que se trasladaron a Estrasburgo para participar na xornada de traballo, animou a facer da manifestación que terá lugar este sábado en Santiago de Compostela “un clamor na defensa dos medios públicos galegos”.