O goberno de Feixoo non intervirá para validar o pasaporte COVID en galego
A deputada do BNG, Mercedes Queixas criticou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña por non “actuar”, pese a admitir que o pasaporte COVD non estaba recoñecido oficialmente e que as aeroliñas si o admitiran en español pero non en galego.
A nacionalista lembrou que nas últimas semanas producíronse múltiples queixas de cidadáns galegos que vían imposibilitada a súa viaxe ao Reino Unido en diferentes compañías aéreas desde o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela tras presentar e validar previamente toda a documentación requirida polas compañías aéreas Vueling e Ryanair e no momento de embarcar “prohibíronlles o acceso ao avión” polo feito de amosar un pasaporte COVID redactado en galego ou o test de antíxenos – NEGATIVO- expedido polas farmacias, “conforme o modelo oficial da Xunta de Galiza”.
A xuízo da parlamentaria, esta circunstancia evidencia a “nula capacidade da Xunta para facer valer a súa autoridade”, así como a validez dun certificado oficial na lingua propia de Galiza.
Ao tempo que as compañías aéreas lles negaban a posibilidade de recuperaren o importe dos billetes e mesmo dificultaban o acceso a follas de reclamación, a deputada explicou que moitas das persoas afectadas, e mesmo traballadoras da compañía, denunciaban publicamente o que vén ser unha práctica reiterada: “a vulneración dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos no aeroporto internacional da capital de Galiza”.
Até o de agora, afirmou a nacionalista, a Xunta non fixo pública ningunha valoración desta situación claramente “discriminatoria”, nin mantivo ningún contacto coas persoas agraviadas. Ante este silencio “inxustificábel”, Mercedes Queixas preguntou ao conselleiro de Sanidade que vai facer a Xunta para conseguir o recoñecemento do galego a nivel internacional ante a reiterada vulneración dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.
Sanidade recoñece que o certificado da Xunta exixido para viaxar non era válido
Pola súa parte, o titular de Sanidade afirmou que o certificado COVID “non estaba recoñecido orixinalmente para viaxar” porque non cumpría cos requisitos do certificado europeo e responsabilizou ás compañías aéreas de acéptalo ou non “en función do idioma”. O conselleiro considerou que de ser aceptado en castelán debe ser aceptado en galego pero eludiu responder ao requirimento da nacionalista sobre as medidas que debe tomar o goberno para defender os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.
Na quenda de réplica, a deputada criticou a falta de resposta e compromiso do conselleiro que ao seu entender responde a “un deixar facer” que impide o avance da normalización lingüística. Por outro lado, salientou que a negativa das aeroliñas a viaxar cun certificado en galego produciu graves consecuencias económicas para as persoas coa documentación en regra e validada previamente e pediu ao goberno un compromiso para que este tipo de vulneración dos dereitos lingüísticos “non se repita”.