A garda civil denuncia en Cambre militantes do BNG por defenderen os dereitos das mulleres

Compañeir@s de Cambre nun acto a prol do aborto libre e gratuíto

O concelleiro do BNG de Cambre, Dani Carballada e a responsábel comarcal de Acción Feminista na Coruña, Vitoria Louro veñen de ser denunciados pola Garda Civil por realizaren un mural en defensa do dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo, nunha acción enmarcada dentro da campaña nacional do Bloque contra a reforma da Lei do Aborto que pretende impoñer o PP.

O atestado do Instituto Armado xa foi trasladado ao Xulgado de Garda da Coruña e en breve, ambos pasarán a disposición xudicial, para afrontaren previsibelmente un xuízo de faltas. O mural reivindicativo situábase nun muro de contención lateral da estrada Nacional VI á altura do Seixal, na parroquia do Temple, afastado de calquera vivenda ou estabelecemento comercial, nun desmonte de formigón onde existen diversos grafitis.

O constante labor de denuncia social que realiza o BNG por todo o país non lesiona os bens patrimoniais do conxunto da sociedade, mais ao contrario, exemplifica o compromiso do nacionalismo coas prácticas democráticas máis elementais; aquelas que se enmarcan no exercicio da liberdade de expresión.

Carballada e Louro, que participaban da acción xunto un grupo de compañeiros/as do BNG, algúns coma o propio Carballada militantes da organización xuvenil Galiza Nova, foron identificados e cacheados, ao tempo que foron incautados os útiles que empregaban para realizar o mural.

Os continuos esforzos por parte do PP de calar a voz da cidadanía, promovendo leis propias dun estado de excepción e redobrando esforzos e recursos en amordazar e criminalizar a xente que exerce o seu dereito a manifestar publicamente a súa opinión, non fan máis que acrecentar o compromiso do BNG cunha democracia activa e horizontal, transparente e participativa.

Así, Vitoria Louro manifestou que “con este tipo de procedementos o Estado español retrátase como o que é, un imperio decadente, que ten que facer uso e abuso do manual de estilo da ditadura franquista para reprimir e someter as voces discrepantes co seu ideal neofascista, que ataca especialmente as mulleres”.

Pola súa banda, o edil nacionalista asegurou que “agora intentarán criminalizarnos, mais é moi dificil entender que por realizar un mural defendendo un dereito básico das mulleres teñamos que ir perante un xuíz antes que a infanta Cristina ou que a plana maior do PP cos seus contratos en diferido”.

Desde a Executiva Nacional do BNG trasladouse todo o ánimo e apoio á militancia que participaba na acción ao tempo que se lles subministrará o asesoramento legal e xurídico necesario para a súa defensa.

Como non pode ser doutra maneira, o Bloque continuará, tamén en Cambre, a desenvolver unha constante actividade en defensa dos dereitos das mulleres, tamén no relativo ao aborto, que se está a concretar en numerosas iniciativas institucionais, na realización de actos informativos, actividades de protesta na rúa e accións de propaganda coma a denunciada en Cambre.