Galiza, con voz propia na Eurocámara grazas ao escano do BNG

O BNG considera cumprido o obxectivo que se fixou cando en xaneiro de 2012 recuperou escano no Parlamento uropeo coa presenza da ata agora eurodeputada Ana Miranda: ser a voz de Galiza nas institucións comunitarias e converter o escano do BNG no escano do pobo galego na Unión Europea.

En palabras do portavoz nacional, Xavier Vence: “conseguimos algo imprescindible, facer que Galiza fose visible en Europa e utilizar a Eurocámara como caixa de resonancia dos problemas que afectan ao país a través dunha fervenza de iniciativas e de propostas en defensa dos sectores produtivos e das demandas da cidadanía galega”. Unha fervenza de iniciativas que triplicaron as presentadas pola media dos eurodeputad@s do Estado español, pese a dispoñer dun terzo do tempo do que dispuxeron as forzas políticas estatais.

Na comparecencia de balance, Miranda explicou que “desde o minuto cero tiñamos como fin converter o escano do BNG no escano do pobo galego e servir de ponte entre os sectores produtivos e sociais e as institucións da UE, para darlles a oportunidade de explicar as súas reivindicacións directamente a ao máximo nivel tanto no Parlamento como na Comisión Europeas”.

 A modo de exemplo, citou que así se fixo levando a Bruxelas aos representantes do sector agrario, do sector pesqueiro, dos afectados polas preferentes, dos colectivos que se opoñen a megaminería contaminante ou dos colectivos que reclaman unha xestión de resíduos alternativa á incineración.

“Sinceramente, penso que o logramos: conseguimos que Galiza falase con voz propia no Parlamento Europeo, que estivese presente en todos e cada un dos debates que tiñan trascendencia para o país en clave galega”, argumenta Miranda. “A miña persistencia, por non dicir pesadez, debiu ser tanta que os compañeiros de grupo puxéronme o alcume de “madame galice”, porque cada vez que tomaba a palabra en Plenario ou en Comisión, antes incluso de que empezase a falar, sabían todos que o tema iba estar relacionado con Galiza”, lembrou Miranda.

De cara o futuro, Vence salientou a importancia de reforzar a presenza ante a UE.

É fundamental para Galiza ter representación propia en Bruxelas e os feitos demostran que só é posible co BNG. Vainos moito en acadar unha presenza reforzada e máis forte en Europa e, sen dúbida, os cidadáns valorarán o traballo feito nestes 18 meses por Ana Miranda, quen puxo voz e situou a Galiza no centro dos debates.

Sen ánimo de exahustividade, Miranda salientou os temas que centraron o traballo na Eurocámara, como a Política Agraria e Pesqueira Común, a negociación dos fondos de cohesión e acordo pesqueiro UE-Mauritania. Igualmente, as propostas para converter ao Porto de Vigo nunha infraestrutura principal dentro das redes europeas de transporte e todas as iniciativas para salvar ao sector naval galego, esixindo que poda competir en igualdade de condicións co resto de estaleiros da UE.

 En clave social, as propostas do BNG en Bruxelas priorizaron aos estafados polas preferentes, aos afectados polo drama dos desafiuzamentos, as demandas sociais contra a megaminaría contaminante ou o saneamento integral das rías galegas.

 “Se pudemos capaces de desenvolver todo este traballo en ano e medio, que non poderiamos ter feito oo que non poderemos facer no futuro se o BNG dispón dun escano completo de cinco anos para traballar por e para Galiza?”, concluíu Miranda.

O BNG seguirá presentando iniciativas na Eurocámara a través do Grupo Verdes/ALE e a través do eurodeputado de Aralar que toma o relevo neste escano compartido da coalición Europa dos Pobos, coa que a formación nacionalista concorreu nos pasados comicios europeos, como fixo na primeira parte da Lexislatura a través do entón eurodeputado e actual líder de ERC, Oriol Junqueras.