Galiza ten dereito a unha tarifa eléctrica propia como produtora excedentaria de enerxía

O actual modelo eléctrico é ineficiente, irracional e caro, deseñado á medida das catro grandes compañías eléctricas e contra os consumidores, -familias e empresas-, que soportan a factura máis cara de Europa e un incremento do 77% no recibo da luz nos últimos cinco anos, mentres ás eléctricas españolas obteñen beneficios que coase triplican aos das súas homólogas europeas.

Neste escenario de “auténtico despropósito”, o portavoz nacional, Xavier Vence, explicou a alternativa do BNG, que ten como elemento central reformular o actual modelo “centralizado e privatizado imposto por Aznar e Rato en 2003”, por un modelo “descentralizado e público” como teñen Alemaña e Francia, no que se estableza unha tarifa galega.

“Galiza ten dereito a beneficiarse de ser produtora excedentaria de enerxía eléctrica, xa que tivemos que asumir todos os custes ambientais e sociais que iso implica, os usuarios, as familias, as empresas do país, teñen dereito a beneficiarse dunha tarifa galega máis barata, sen pagar os custes do transporte porque somos o centro de produción”, argumentou.

Vence denunciou o “triple efecto nefasto” do actual sistema tarifario: encarece a factura das familias, lastra a competitividade das empresas “que pasan un auténtico calvario” e “esquilman” de novo a tod@s o@ contribuíntes que tamén pagan a factura do consumo eléctrico público vía impostos.

Alternativa

O dirixente nacionalista enumerou as propostas da alternativa do BNG. Primeiro, un modelo eléctrico público e descentralizado con tarifa galega. Segundo, medidas concretas e inmediatas para loitar contra a pobreza enerxética que afecta ao 18% dos fogares galegos, con mecanismos como o bono social cunha tarifa mínima para as persoas máis vulnerables, e establecer as eléctricas a obriga de non cortar a luz por impago ás familias con determinados requisitos. Terceiro, unha auditoría independente e a fondo “á fraude do chamado déficit tarifario”, que está cifrado en 27.500 millóns de euros. Cuarto, impugnar a Lei do Sector Eléctrico aprobada onte no Congreso en solitario polo PP.

“Desde o Bloque demandamos a Feijóo que a Xunta recorra esta lei ante o Tribunal Constitucional porque non só consolida senón que agrava o modelo existente en contra dos consumidores, das empresas e do sector das enerxías renovables”, alegou.

Ao BNG non lle vale que agora o Goberno de Rajoy faga o paripé contra a subida anunciada polas eléctricas o mesmo día que aproba por lei a consolidación do modelo.

Financiamento do PP

Esa “persistencia” lexislativa ten para o portavoz do BNG unha explicación moi clara: “Responde a un modelo absurdo deseñado polo PP pensando no lobbie das eléctricas, e da banca como principal accionista, que despois financian de xeito ilegal a este partido, como demostra a investigación xudicial na que está inmerso e que non acaba nunca”, alegou, en referencia ao novo rexistro de 14 horas efectuado na sede dos populares en Madrid.

“Así se explica que o PP lexisle e siga lexislando a favor destas compañías e en contra do interese xeral”, concluíu.