Galiza pode acabar como Grecia coas políticas da UE que esnaquizan os sectores produtivos do país

O BNG cualifica de “despropósito” o acordo imposto a Grecia porque “estrangula” a súa economía produtiva, impón condicións imposibles na devolución dunha débeda “impagable” e destrúe as conquistas sociais, ao tempo que forza ao país heleno a entregar empresas públicas estratéxicas ao capital privado. En definitiva, supón aceptar o fracaso do proxecto europeo, incapaz de dar unha saída viable a un Estado membro.

“Deixa a economía grega en situación de colapso por moito tempo e tamén representa un golpe político co que se castiga a un pobo soberano que expresou en referendo o seu rexeitamento ás condicións impostas por Bruxelas para o rescate que, con este acordo, mesmo se agravan”, explicaba o portavoz nacional, Xavier Vence.

Con ser moi graves as consecuencias do acordo para Grecia, o BNG pon o acento no que significa para o conxunto da UE. “É unha mala nova para todos, porque demostra que estamos ante unha Europa cada vez máis neoliberal, eurocéntrica e alemá, pensada só para dar garantías aos acredores da débeda e a gran banca”, recalcou.

Esa aposta pola economía especulativa das finanzas, implica acabar coa economía produtiva que crea emprego, “pero sen economía produtiva, tamén nos países da periferia, Europa non é viable”, recalcou Vence, quen subliñou que Galiza é ben coñecedora dos efectos dese tipo de políticas.

“Temos probas claras de que ese tipo de políticas da UE esnaquizan os nosos sectores e as nosas fontes de creación de emprego. Temos que tomar nota xa, ou Galiza terminará como Grecia, sen economía produtiva para facer fronte aos pagos e sen sostén para manter o estado do benestar que hoxe aínda temos”, advertía Vence.

Por iso, desde o Bloque se fai un chamamento a “facer outro tipo de políticas se queremos ter futuro”, en particular se queremos que a nosa xente moza non teña como única saída emigrar a Alemaña, Dinamarca, ou Reino Unido, concluíu o dirixente nacionalista, porque a Europa que marca o acordo imposto a Grecia “non é viable”.