Galiza perdeu 1.000M de euros no AVE polo baixo nivel de execución dos orzamentos do Estado entre 2015-2016
“Con estas cifras non fai falta ser premio Nobel de Economía para entender o enésimo retraso da chegada da alta velocidade”, indicou Ana Pontón. Pregunta a Feijóo pola anunciada comisión de control xa que no 1º semestre de 2017 só se materializou o 15,9% do presupostado
Propón esixir os investimentos non executados e consensuar unha proposta para evitar un novo recortazo nos orzamentos de 2018
O BNG denuncia o baixo nivel de execución dos orzamentos do Estado que deixa en “papel mollado” unha parte substancial dos investimentos anunciados para Galiza, en particular os previstos polo Ministerio de Fomento, creando unha ficción que só no bienio 2015-2016 fixo perder a Galiza 996 millóns de euros destinados ás obras do AVE.
“Nos últimos anos, o grao de execución de Fomento en Galiza foi moi inferior ao do conxunto do Estado: 80,8% fronte ao 107% en 2015, 47% fronte ao 89% en 2016, e 16,2% de execución no primeiro semestre de 2017 fronte ao 54,7% a nivel estatal”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón.
Dentro dos investimentos que nunca chegan a materializarse, Pontón puxo o foco nos destinados á alta velocidade, -a través de ADIF-, e dos de Renfe Operadora para a modernización do ferrocarril. No caso do AVE, o nivel de execución non chegou ao 40% en 2015, quedouse no 28,7% en 2016, e non primeiro trimestre de 2017 foi do 13,9%.
“Os datos de RENFE-Operadora aínda son peores”, indicou. Nos anos 2015-2016 o Goberno central deixou sen investir o 94% do orzamentado, o que significa que Galiza perdeu 40M de euros para modernizar o transporte por ferrocarril. “Con estas cifras non fai falta ser adiviña nin premio Nobel de Economía para entender porque o AVE leva décadas de retrasos e porque Galiza soporta un ferrocarril do século XIX na maior parte do territorio e que, por exemplo, entre Ferrol e Coruña se chegue antes en bicicleta que por tren”, ironizou.
O “cutre” nivel de execución, criticou Pontón, afecta ao conxunto das partidas e continúa no 2017, xa que no primeiro semestre do pasado ano só se materializou o 15,9% dos investimentos previstos, nunhas contas nas que supuxeron un recortazo de 442M de euros para Galiza.
“E, aínda por riba, a execución durante o primeiro semestre é mínima, e vén precedida do 2016 cun grao de execución do 54%, é dicir, 46 de cada cen euros dos anunciados quedaron en nada”, denunciou, “pasotismo” orzamentario “que contrasta coa media do Estado, onde o nivel de execución das contas públicas foi do 108%.
Ante esta situación, “unha consecuencia máis da irrelevancia política á que Feijóo conduce a este país”, Pontón pregunta ao presidente da Xunta que pensa facer e que foi da comisión de control dos orzamentos do Estado anunciada polo propio xefe do Executivo galego no Parlamento o 5 de abril de 2017.
Comisión pantasma
“Unha comisión específica que, e cito textual, garanta aos galegos e as galegas el compromiso de España con Galiza, que ía presidir o propio Feijóo, pero da que nunca máis se soubo, e á vista dos resultados debía ter como obxectivo saír ao paso e conseguir un titular”, lamentou.
Por contra, o BNG propón un acordo unánime da Cámara para que o Estado aporte a Galiza os investimentos que deixou sen executar no bienio 2015-2016, -1.000 M€ só en obras do AVE non realizadas-, e os que resten unha vez se liquiden os orzamentos de 2017. “O Goberno central debe compensar a Galiza por eses recursos que quedaron en papel mollado”, subliñou Pontón, “e Feijóo debe liderar esta reclamación”.
Rajoy ou Galiza
A dirixente nacionalista tamén salientou que o Estado está en plena negociación dos orzamentos de 2018, polo que pide a Feijóo que non permita unha nova discriminación en forma de recortazo “facendo valer” o voto dos doce deputados e deputadas do PP electos por Galiza. “Que será antes para Feijóo, servir a Rajoy ou servir aos galegos e as galegas? Por exemplo, reclamando que as contas de 2018 inclúan os 150M€ que o Estado nos debe e poder atender ás 17.000 persoas dependentes recoñecidas, pero que aínda non reciben ningunha prestación”.
O BNG traslada o seu apoio para consensuar no Parlamento unha proposta de país, recollendo os investimentos e as prioridades para que sexan incluídas nos orzamentos do Estado de 2018, concluíu.