Galiza Nova reivindica en Mercadona que a crise de prezos é unha estafa
Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, realizou no día de onte unha acción simbólica no supermercado Mercadona para reivindicar que a crise de prezos “é unha estafa.”
Tal e como expresou Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova “a suba desenfrenada dos prezos, concretamente na cesta da compra, repercute directamente nos nosos petos” sinalou. “O litro de aceite subiu un 28%, o litro de leite un 25… a mocidade galega vemos como cada semana que vimos ao súper a compra é cada vez máis cara e as veces non podemos permitirnos comer todo o mes” sinalou Gómez.
Esta acción, enmarcada dentro da campaña “Actuar agora para defender a vida” que está levando a cabo a organización xuvenil, pretende dar unha resposta visual e facer ver o descontento da sociedade galega neste contexto de crise económica e social no que a mocidade é un dos sectores máis afectados.
“Isto é un roubo e contra el debemos mobilizarnos” sinalou rotundamente Marta Gómez. “Para que se deixe de especular cos bens de primeira necesidade e para que se deixe de facer negocio cos nosos dereitos é necesario dar unha resposta social e contundente nas rúas” afirmou.
Galiza Nova pretende con esta campaña chamar a toda a mocidade galega a mobilizarse o vindeiro 18 de decembro en Santiago de Compostela, na manifestación convocada polo BNG contra a crise dos prezos. “Queremos animar a toda a mocidade a actuar agora, porque ese é o xeito de defender as nosas vidas” sentenciou Gómez.