Galiza Nova presenta as XXIV Xornadas de Formación ‘Tecendo o fío lilá da historia’
A organización xuvenil do BNG presentou este martes en Padrón a vixésimo cuarta edición das Xornadas de Formación da Historia de Galiza. Unhas xornadas que terán lugar no propio concello os días 13 e 14 de abril.
Na presentación estivo presente Beatriz Rei, voceira municipal do BNG, que salientou que “é un orgullo para nós que Galiza Nova elixa Padrón para desenvolver as súas xornadas, nas que ademais de formarse coñecerán a nosa vila e a súa historia”.
Pola súa banda, Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización xuvenil, sinalou que “con estas xornadas pretendemos darlle continuidade á campaña do 8 de marzo e seguir aprendendo da historia do movemento feminista”.
“As xornadas desenvolveranse a redor da figura de Rosalía de Castro, de feito visitaremos a casa museo Rosalía, e da súa historia e implicación como muller feminista galega” engadiu Gómez.
As Xornadas terán lugar os días 13 e 14 de abril en Padrón, comezarán cunha benvida por parte da voceira municipal e unha posterior palestra a cargo de Paco Rodríguez. Nas xornadas haberá tamén un roteiro e actividades de debate dirixidas polas propias integrantes da organización.
A participación é aberta a todas as mozas e mozos galegas que o desexen e informarase a través das redes sociais da organización o método de inscrición.