Galiza Nova presentou a súa campaña para o Orgullo LGBT deste ano diante da Torre da Mosqueira, en Lugo. Baixo o lema “Nós tamén somos referentes”, preténdese dar a coñecer referentes LGBT galegas esquecidas, centrándose na figura de Suzana do Páramo.
Sergio Marey, membro da Mesa Nacional LGBT de Galiza Nova, falou desta muller durante a presentación, unha muller trans de Friolfe, no Páramo. “Suzana do Páramo é un exemplo claro de invisibilización, xa que até despois de morta se lle segue a tratar en masculino e como Suso, facéndolle misgender ao non respectar a súa identidade de xénero, ignorando o nome co que asinou o seu terceiro e último libro e as varias referencia á súa identidade de xénero no seu blog persoal”, sinalou.
Pola súa banda, Ariel Q. Sesar, Responsábel Nacional LGBT de Galiza Nova, sinalou que “continuamente vemos como ao longo da historia persoas referentes na política e a cultura foron invisibilizadas por seren disidentes, ou mesmo vemos como se invisibiliza sistematicamente a orientación sexual ou a identidade de xénero de persoas destacadas na política, como é o caso de Suzana, unha muller trans, activista rural, escritora, que até encabezou a candidatura á alcaldía do BNG no seu concello”. “Por isto, queremos iniciar con ela unha campaña sobre as referentes invisibilizades, tanto do pasado como actuais”, engadiu.
Anímase ademais a toda a mocidade galega a participar dos actos convocados para este mes do Orgullo e saír ás rúas nas diferentes mobilizacións que se convoquen no país, “para reivindicar o noso dereito a ser visíbeis, o noso dereito a que non nos obriguen a volver ocultarnos, ante o avance da ultradereita, e o noso dereito a vivir sen medo a ser quen somos e mostrarnos como queiramos”, salientou Ariel.