Galiza Nova presenta a campaña do 8 de marzo baixo o lema “Tecendo o fío lilá da historia”
A organización xuvenil do BNG presentou este martes a súa campaña para este 8 de marzo baixo o lema “Tecendo o fío lila da historia” coa que pretenden facer “unha viaxe” ao longo da historia do movemento feminista galego dende as Cigarreiras na Coruña no 1831 ata a loita das traballadoras da limpeza de Lugo, que veñen de conseguir unha suba salarial do 18% tras máis de 100 días en folga.
Tal e como salientou Sabela Méndez, Responsábel Nacional de Mulleres da organización “con esta campaña pretendemos vincular a historia do movemento feminista poñendo en valor 3 cuestións que non poden faltar no noso discurso: a tripla opresión que sufrimos as mozas galegas, a orixe obreira que ten a data do 8 de marzo e as nosas propostas actuais en materia de feminismo”.
Galiza Nova elixiu o Camiño da Igualdade do Campus de Ourense para levar a cabo a presentación desta campaña “para poñer en valor espazos que visibilizan a presenza das mulleres, do seu traballo e das súas loitas” explicou Méndez, “así como para reivindicar tanto a escasa existencia destes como a falta de referentes no noso país. É necesario coñecer a loita das mulleres ao longo da nosa historia, pioneiras en moitas ocasións, para que a súa labor sexa coñecida e seguir avanzando na conquista dunha Galiza feminista e dona de si”.
Durante a campaña, a organización xuvenil do BNG, fará unha labor de divulgación da historia do movemento feminista galego dende o 1831 ata a actualidade, tanto a través das redes sociais como con actividades formativas que organizarán nas diferentes cidades e vilas do país. “Vai haber actividade nas 7 cidades galegas e tamén noutras vilas do país tanto para divulgar a nosa mensaxe como para organizar a asistencia ás mobilizacións no propio 8 de marzo, nas que estaremos xunto co resto do movemento feminista galego reclamando unha sociedade na que vivir libres e iguais” finalizou Sabela.