Galiza Nova maniféstase contra a visita de Juan Carlos I a Sanxenxo
Marta Gómez, Secretaria Xeral: “A monarquía española é unha institución corrupta que atenta contra a democracia. Galiza non ten rei”
Néstor Rego, deputado do BNG no congreso: "Rexeitamos a monarquía española por ser un réxime inxusto que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español"
Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, convocou este sábado 29 de xullo unha concentración para manifestar o seu rexeitamento ante a visita do rei emérito, que leva uns días en Sanxenxo.
Na mobilización participaron militantes tanto de Galiza Nova como do BNG, así como diferentes cargos da organización política entre os que se atopaba o recén reelixido deputado da formación nacionalista, Néstor Rego.
Tal e como expresou Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “rexeitamos unha vez máis a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país” sinalou. “A monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo, todos os sucesos que a rodean demóstrano e que o rei fuxido pasee por Galiza impunemente aínda máis” expresou Gómez.
“A mocidade galega rexeitamos a presenza dun rei corrupto no noso país e a unha monarquía herdeira do franquismo que leva séculos oprimindo a Galiza” expresou a nacionalista. “As mozas e mozos galegos queremos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país, con empregos dignos, con servizos públcios de calidade e lonxe do réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía” dixo a Secretaria Xeral de Galiza Nova. "Galiza non ten rei" sinalou rotundamente.
Pola súa banda, Néstor Rego expresou que "rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español" e engadiu que "xa temos manifestado o noso rexeitamento tamén no Congreso dos deputados nas dúas visitas anteriores, non é tolerable que o goberno dun Estado que se di democrático permita que unha persoa que marchou del fuxindo da xustiza volva cando queira, impune e sen ser xulgado polos seus delitos"
Durante a concentración escoitáronse cánticos republicanos e contra a monarquía e ao remate da mesma Marta Gómez dirixiuse aos asistentes para afimar que "Galiza non ten rei" e sinalou que "esta é a terceira vez que temos que saír á rúa para deixar claro que non toleramos a visita da monarquía española e seguiremos saíndo ata conseguir a República Galega"