Galiza Nova lanza en Arzúa a campaña “As caras de Altri”
Co encoro de Portodemouros de fondo, a organización xuvenil do BNG presentou hoxe a súa campaña “As caras de Altri” coa que pretenden poñer o foco nas persoas responsables da macrocelulosa que Altri pretende instalar no Concello de Palas de Rei, así como para animar a toda a mocidade a mobilizarse na manifestación que terá lugar no mesmo concello este domingo.
Tal e como manifestou Alba Regueiro, responsábel de Galiza Nova nesta comarca, “a nosa é unha das comarcas máis afectadas por esta bomba medioambiental e é necesario que se saiba quen está detrás, que hai responsables políticos pretendendo hipotecar o noso país e o noso futuro”.
“Con este obxectivo ensinámosvos as verdadeiras caras de Altri, para sinalar o papel que tiveron persoas como Ánxeles Vázquez ou o presidente do goberno da Xunta, Alfonso Rueda, que máis unha vez demostran que os seus intereses están do lado dos grandes poderes económicos e non da sociedade galega” engadiu.
Ata Arzúa achegouse tamén Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, que fixo fincapé en que este é “un problema que afecta a todo o país, a nivel de impacto medioambiental, mais tamén económico, social e por suposto político” sinalou.
Gómez acrecentou que “Galiza Nova, xunto con Erguer. Estudantes da Galiza, rexistrou no mes de abril ao redor de 5000 alegacións ao proxecto de Altri e estará este domingo na manifestación convocada pola Plataforma no concello de Palas de Rei”. Con esta campaña a organización xuvenil do BNG quere animar tamén a toda a mocidade non so da comarca se non de todo o país a mobilizarse e “demostrarlle ao Partido Popular cales son os verdadeiros intereses da mocidade galega”.