Galiza Nova defende a loita feminista e critica as violencias machistas e tránsfobas
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou a campaña nacional polo 25N, día contra as violencias machistas. Baixo o lema “Mulleres combativas contra as violencias machistas”, a Asemblea de Mulleres e a Asemblea LGBT de Galiza Nova incidirán ao longo deste mes na autoorganización das mulleres galegas e combater os ataques que as mulleres trans están sufrindo en moito ámbitos, incluído o político co discurso interno de organizacións estatais coma o PSOE. Así mesmo, a organización xuvenil presentou o certame de relato curto no que se poderá participar até o 30 de novembro.
Nun contexto heteropatriarcal, onde as mulleres sofren violencias machistas - que van desde as físicas até as psicolóxicas- e impiden vivir con dignidade. “Esta situación de violencia vese incrementada nos sectores máis expostos como as mulleres racializadas e as do colectivo LGBT” indicou a representante da Dirección Nacional de Galiza Nova, Claudia Quintela. Ademais, destacou o agravio das violencias que sofren as mulleres trans no noso país, amparadas moitas destas violencias por discursos tránsfobos de organizacións políticas coma o Partido Socialista. “Con esta campaña queremos amosar o noso rexeitamento a todo este tipo de violencias. Desde Galiza Nova estamos comprometidas coa loita e o movemento feminista, así como a autodeterminación do xénero” reivindicou Quintela.
Por outra banda, o representante da Mesa Nacional da Asemblea LGBT, Alexandre Garrido, destacou o apoio do movemento feminista galego e a defensa dos dereitos das persoas. “No marco do día da memoria trans, que se celebra o 20 de novembro, e do 25 N, día contra as violencias machistas, desenvolveremos unha campaña que xirará en torno á realización de palestras con activistas de renome que tratarán cuestións como a despatoloxización das persoas trans” sinalou Garrido.
Certame literario que promove o galego e a defensa da diversidade
Nese sentido, Galiza Nova anuncia e presenta un certame de relatos en galego sobre temática feminista e LGBT dirixido á mocidade galega de entre 14 e 30 anos. As participantes terán atén o 30 de novembro para participar e os premios principais serán lote de libros destacados da literatura galega actual como “Nxs xs inadaptadxs” ou “Feminismos”.