Galiza Nova critica a existencia de casas de apostas e exixe o seu peche nas vilas do país
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presenta a súa campaña nacional sobre a eliminación das casas de apostas no país. Desde a organización nacionalista criticaron que a falta de ocio alternativo e coa “publicidade obscena” das casas de apostas, empurran á mocidade da clase traballadora a masificar estes locais e anunciaron que levarán ás institucións esta cuestión e proporán medidas para un ocio alternativo.
O Secretario Xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, acompañado de militantes e simpatizantes da organización xuvenil da cidade de Vigo, presentou o cartaz da campaña nacional contra as casas de apostas instaladas en Galiza. A finalidade da mesma é concienciar e dar a coñecer ao conxunto da mocidade galega “a lacra e a perda de poder adquisitivo” que supón manter estas empresas no noso país, cebándose sobre todo nas clases traballadoras.
“Coa COVID-19 agudízanse os problemas que a sociedade e a mocidade galega xa tiñan. Neste caso, o das casas de apostas, vendo un repunte das mozas que recorren a masificar estes locais ante a falta de ocio alternativo” sinalou o Secretario Xeral de Galiza Nova e deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos. Así mesmo, Ríos explicou que a sociedade galega leva, nestes anos, perdendo “millóns de euros neste modelo de negocio que a través dunha publicidade obscena e descarada pretende espoliar os recursos da clase traballadora”.
Por outra banda, a membro da Dirección Nacional da organización xuvenil, María Alonso, destacou as estratexias empregadas polos empresarios e donos das grandes casas de apostas co obxectivo de “banalizar e branquexar” o negocio. “A través de futbolistas, cantantes e famosos fan que a mensaxe das casas de apostas incida e atraia máis á mocidade” apuntou Alonso. As casas de apostas, segundo sinalou a organización xuvenil, non seguen as restricións horarios impostas polas institucións coma “o casino de Vigo que pecha ás catro da mañá”.
Desde a organización xuvenil amosaron o seu rexeitamento ante este tipo de negocio e anunciaron que exixirán que as casas de apostas se vaian fóra do país. Neste sentido, tamén se comprometeron a traballar para desenvolver medidas de ocio alternativo coa visión posta a finais de ano, presentando unha nova campaña para a mocidade galega.