Galiza non precisa unha universidade ao servizo da banca senón máis apoio e recursos á universidade pública
Acusa á Xunta de “bordear” a Lei galega de universidades que impide duplicar titulacións e pide que o proxecto sexa retirado
O BNG demanda aportar ao SUG o equivalente ao 1,5% do PIB equiparando o financiamento universitario galego á media do entorno europeo
En plena polémica polo proxecto de universidade privada que auspicia ABANCA, o BNG quixo lanzar unha mensaxe de rotundo apoio á universidade pública e para iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos reitores dos campus galegos, Antonio López (USC), Julio Abalde (UdC) e Manuel Reigosa (UVI), no que tamén participou a portavoz parlamentaria de Educación, Olall Rodil.
A saída, a dirixente nacionalista foi contundente na súa comparecencia ante os medios.
“A posición do BNG é moi clara a respecto deste proxecto de universidade privada que parece ter o apoio entusiasta de Feixóo: Galiza non necesita unha universidade ao servizo da banca senón mellorar o apoio ao sistema universitario público, fundamentalmente en materia de financiamento e de recursos públicos”, proclamou.
De feito, o sistema universitario galego (SUG) leva soportado recortes ao longo da última década, de tal xeito que, a día de hoxe, dispón de 438 M€ menos.
Pontón considera que mesmo se está incumprindo a Lei galega de universidades, “que a Xunta está aplicando de maneira moi laxa bordeando a legalidade, porque non atende ao que establece o actual marco que impide que a creación dunha universidade privada signifique duplicar titulacións do sistema público”.
Pola información xa difundida, entre as titulacións duplicadas figurarían administración e dirección de empresas, ciberseguridade ou enxeñerías informáticas, “factor que é moi claro na lei e se a Xunta da luz verde incumprindo este requisito se situaría fora da lexislación en vigor”. Por tanto, o anteproxecto deber ser retirado, conclúe Pontón, “porque o único que vai facer é distorsionar o sistema público provocando duplicidades nas titulacións pero sen ser capaz de ofertar nada mellor”.
A portavoz nacional tamén reclamou ao Goberno de Feixóo que cumpra coa obriga de apoiar á universidade pública empezando por dotala de máis orzamento, “agora insuficiente porque non permite cubrir o gasto corrente o que provoca unha situación de asfixia”, recalcou.
Neste sentido, o BNG propón un incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 e critica que a lei de acompañamento de orzamentos non avance nun novo plan de financiamento para o SUG e que, por contra, mesmo adiante novos recortes.
A proposta do Bloque é acabar cos recortes da última década, -porque Galiza está “á cola” en investimento universitario a nivel europeo-, cunha medida moi concreta: “incrementar o plan de financiamento universitario co obxectivo de situarnos no 1,5% do PIB e colocarnos na media do noso entorno o que significaría unha mellora importante en canto a recursos, dotación para a docencia e a investigación”, explicou.
Pontón destacou o total apoio do Bloque para “fornecer de máis recursos a universidade pública” co obxectivo de atender as necesidades de formación que ten a sociedade galega. “Temos que facer unha aposta clara en defensa da universidade pública fronte aos intentos privatizadores que estamos vendo”, concluíu.