Galiza di non ás peaxes nas autovías
BNG acada un acordo unánime para que o Parlamento galego amose a súa “rotunda oposición”, á intención do Goberno central a aplicar peaxes nas autovías
Luís Bará afirmou que Galiza non precisa de máis peaxes abusivas como as da AP-9 e AP-53, Galiza precisa “unha AP-9 galega e libre de peaxes”
O portavoz en materia de infraestruturas do BNG , Luís Bará defendeu unha proposición non de lei co fin de acadar unha resolución do Parlamento galego para amosar a súa “rotunda oposición” ao establecemento de peaxes nas autovías de titularidade estatal. A proposta acadou o “apoio unánime” da Cámara galega.
Galiza non quere máis peaxes
Na defensa da proposta, o parlamentario do BNG salientou que Galiza non precisa máis peaxes abusivas como as da AP-9 e AP-53, “Galiza precisa unha AP-9 galega e libre de peaxes”.
Na súa intervención afeou a posición do PP e afirmou que o BNG sempre está no mesmo sitio, “na defensa dos intereses de Galiza”, e faino, dixo, “aquí e en Madrid”. Bará criticou os niveis de “fariseísmo e demagoxia” do Partido popular no debate sobre a AP-9 e as peaxes, “o PP mantén unha postura en Galiza e a contraria en Madrid”. Nas súas críticas, o nacionalista, tamén aludiu ao Partido socialista e lembrou que AP-9 conta cunha “prorroga” do PSOE para os anos 2013-2023 que aínda estamos pagando, tempo ao que hai que sumar 25 anos que lle regalou o Aznar, até o 2048. Estas son as consecuencias ,explicou das “decisións que se toman en Madrid e que van en contra dos nosos intereses”.
O deputado agradeceu o apoio da cámara ao acordo proposto polo BNG e destacou a importancia dun “pronunciamento rotundo” do Parlamento galego contra a intención do goberno central de establece peaxes nas autovías estatais que na actualidade “son gratuítas” Por outra banda, volveu a criticar que o Partido popular tentara desviar o foco do debate, propiciado polo BNG, ao introducir as peaxes da AP-9. Neste punto, Luís Bará responsabilizou ao PP dos atrasos para a transferencia da infraestrutura co “veto en tres ocasións” e agora veñen con présas. Agardamos que a Xunta non siga poñendo “paus nas rodas” neste asunto.
Medida discriminatoria, inxusta e antisocial para facer caixa
O programa de reformas que recolle a implantación das peaxes nas autovías, é o resultado “dun programa oculto decidido dende Bruxelas con medidas regresivas no ámbito laboral e das pensións e que van na liña dunha maior centralización da riqueza e sen medidas de fiscalidade progresiva”. Para o Partido popular, afirmou o nacionalista, rebaixar impostos significa “rebaixarlle os impostos ao máis ricos”.
O deputado anunciou que o BNG, que seguirá defendendo nos parlamentos e nas rúas a súa oposición á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal porque supoñen “un atranco para o desenvolvemento económico de Galiza”.
Bará recalcou que é aplicación de peaxes nas autovías é “discriminatoria, inxusta e antisocial e só busca facer caixa”, ademais de prexudicar gravemente a Galiza pola “súa condición periférica”.